Escoitar

O "Cidade de Vigo" de Judo despútase o sábado co obxectivo de converterse en referente internacional

A concelleira de Deportes, Lucía Molares, presentou hoxe martes o X Torneo Internacional de Judo "Cidade de Vigo", que se desputará no Pavillón de Coia o próximo sábado 26 de novembro.

martes, 22 nov 2005
1132668672judo.jpg
O "Cidade de Vigo" contará coa presenza de destacados judokas españois e estranxeiros, que competirán en tres categorías (-66, -73 e –81 kilos) por un primeiro premio de 600 euros, un segundo de 300 e un terceiro de 150. Segundo o presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas, este torneo é xa un referente entre os deportistas e os clubes españois e este ano terá "a maior participación internacional" ata o de agora.

Así, haberá deportistas de Portugal, Colombia, Cuba e Moldavia e das comunidades autónomas de Galicia, Madrid, País Vasco, Navarra, Estremadura, Andalucía, Castela e León e Valencia. Mario Muzas sinalou que a meta deste torneo é contar nos próximos anos "non só cos catro mellores de España, senón tamén cos catro mellores de Europa".

Para Lucía Molares, o "Cidade de Vigo" de judo é "un evento consolidado" que pode servir para que os "grandes judokas que hai na nosa cidade" poidan competir con deportistas de alto nivel de España e do resto do mundo. Outro dos obxectivos desta cita, segundo a concelleira, é promocionar este deporte para que máis xente nova o practique.

As eliminatorias comezarán o sábado 26 de novembro ás 18:00, a loita polo terceiro posto, ás 19:00, e as finais, ás 19:30. Para a desputa dos combates eliminatorios habilitaranse tres tatamis. As finais terán lugar nun único tatami.

Durante a xornada ofreceranse, ademais, exhibicións de artes marciais como o aikido (ás 18:50), o tai-chi (19:20) e o kendo (19:50).
Descargar todas as imaxes