Escoitar

A Asociación Cultural "O Coto", de Cabral, celebra a Festa do Cabazo o próximo domingo

A Asociación Cultural "O Coto" organiza para o próximo domingo 20 no Colexio Carballal, de Cabral, a XVIII Festa do Cabazo, na cal se ofrecerán diferentes pratos confeccionados con este froito no medio dun ambiente amenizado por grupos de música tradicional.

mércores, 16 nov 2005
1132149897cabazo1611.jpg
Os que vaian á Festa do Cabazo poderán degustar, de maneira gratuíta ou por un módico prezo, un conxunto variado de pratos nos que o cabazo será o elemento principal, desde as típicas chulas ata pasteis, pasando polos biscoitos, o caldo, o pan ou as empanadas. Mesmo se poderá adquirir licor de cabazo. En total, empregaranse para elaborar estes produtos arredor de 200 cabazos duns 40 kilos cada un; ou sexa, uns 8.000 kilos deste froito.

A Festa comezará ás 11:30. Durante a mañá, a degustación será amenizada polo grupo de gaitas "Tarambullada" e o grupo de pandereiteiras "Lembranzas Galegas". Despois da lectura do pregón, a cargo do director do Instituto de Estudos Vigueses, Gerardo Sacau, actuará a murga morracense "Os do Títalo".

Pola tarde, a partir das 17:00, actuarán o grupo folk-vocal "Cantarellus", o grupo de gaitas "Vagalume" e o grupo de danzas do mundo "Asociación Monteira".

Os asistentes poderán comprar envases de degustación, así como unha publicación sobre a Festa do Cabazo, na cal se fala deste froito e das súas cualidades e se dan algunhas receitas para preparalo.

Ademais, a Festa do Cabazo contará cunha exposición de "Menciñas de outrora" e outra sobre a historia da Festa, na que se amosará o proceso de cultivo, recollida, elaboración e degustación do cabazo. Así mesmo, poderanse contemplar mostras de actividades artesanais como o ganchillo, a cestería e o vidro.

Con esta celebración, que conta coa colaboración do Departamento de Festas e Animación Sociocultural do Concello, a Asociación Cultural "O Coto" quere evitar a perda das tradicións relacionadas co cabazo, recuperando e enxalzando este froito como produto alimenticio.
Descargar todas as imaxes