Escoitar

Bases do concurso "Vente cos Reis Magos 2006"

A concellería de Festas e Animación Sociocultural convoca o concurso "Vente cos Reis Magos 2006" que ten como obxectivo seleccionar a 36 nenos e nenas para acompañar os Reis Magos, na Cabalgata de Reis do próximo ano, que terá lugar na nosa cidade o vindeiro día 5 de xaneiro. Os selecionados serán repartidos en grupos de doce nas tres carrozas reais.

martes, 15 nov 2005
Neste concurso poderán participar tódolos nenos e nenas da cidade que o desexen; a única limitación por motivos de seguridade será a idade: só poderán participar aqueles nados entre o 1 de xaneiro de 1993 e o 31 de decembro de 1997, ambos inclusive. Así mesmo, os seleccionados en edicións anteriores non poderán tomar parte neste concurso.

Para participar só será necesario cubrir o boletín de inscrición que poderán recoller nas entidades socioculturais visitadas polo Carteiro Real ou na oficiña de Información da lonxa da Casa do Concello. Só se aceptará un boletín por neno/a, sendo eliminados do concurso aqueles que presenten máis de un.

As inscricións depositaranse nun buzón colocado na lonxa da Casa do Concello ou no que levará ó Carteiro Real nas súas visitas. O prazo de inscrición comezará o día 15 de decembro e finalizará ás 20’00 horas do día 28 de decembro.

O día 29 de decembro, ás 12'00 horas, realizarase o sorteo correspondente en acto público, na Casa do Concello.No sorteo, ademais dos trinta e seis nenos/as seleccionados/as, sacaranse un total de doce suplentes para cubrir posibles baixas ou renuncias.

O Concello de Vigo ofreceralles ós nenos e nenas seleccionados un disfraz, que entregarán unha vez finalizada a cabalgata.