Escoitar

O Teatro-Sala de Concertos Caixanova acolle a ópera "Lucrecia Borgia", de Donizetti

O Teatro-Sala de Concertos de Caixanova acolle mañá martes, a partir das 20:00, a representación da ópera "Lucrecia Borgia", de Donizetti, organizada pola Asociación Amigos da Ópera de Vigo.

luns, 14 nov 2005
1132039977borgiamontaxe.jpeg
"Lucrecia Borgia" componse dun prólogo e dous actos, con música de Gaetano Donizetti (Bérgamo 1797-1848) e libreto de Felice Romani, baseado no drama "Lucrèce Borgia", de Victor Hugo. Foi estreada no Scala de Milán o 26 de dicembro de 1833.

Esta ópera ten fragmentos de grande efecto teatral con música netamente romántica, que superan en elegancia e riqueza orquestral e vocal a outras creacións de Donizetti. "Lucrecia Borgia" é unha das poucas óperas cuxa base argumental non está baseada nunha relación amorosa.

A pesar de que nela Genaro se namora en certa medida de Lucrecia, na trama revélase que son nai e fillo. Isto fai de "Lucrecia Borgia" unha excepción no panorama da ópera romántica polo gran número de cantantes que necesita, polo cal foi representada en menor medida do que tería sido en relación á súa gran popularidade.

"Lucrecia Borgia" representarase mañá martes a partir das 20:00. Poden adquirirse entradas na propia taquilla do Teatro-Sala de Concertos Caixanova, mañá martes de 11:00 a 14:00 e de 18:00 ata o inicio da representación. A sinopse desta ópera é a seguinte:

Prólogo

Na terraza do Palazzo Grimani de Veneza celébrase un baile de máscaras. Maffio Orsini e Genaro, cos seus amigos, están a piques de saír cara a Ferrara para levar a cabo unha misión diplomática na corte de Alfonso, duque de Ferrara. Maffio Orsini comeza a explicar unha batalla en que estivo con Genaro. Este, canso de oír esta historia e a relación das maldades de Lucrecia Borgia, actual duquesa de Ferrara, ponse a durmir.

Vanse os amigos, e a propia Lucrecia Borgia, enmascarada e acompañada do seu espía Gubetta, observando a Genaro durmido non pode disimular a súa tenrura cara ao mozo, que é o seu fillo secreto. Aínda que Gubetta pon en garda a Lucrecia, esta non pode irse de alí ata que Genaro esperta. Como o mozo ignora quen é a bela dama descoñecida, namórase dela inmediatamente.

De súpeto regresan os amigos, a tempo para obrigaren a dama a quitar a máscara. Todos a recoñecen como a malvada Lucrecia. Todos teñen un familiar ou outro que foi vítima das súas intrigas e Lucrecia ten que ver como esnaquizan a súa reputación diante mesmo do seu fillo, aínda que este continúa ignorando que se trata da súa nai.

Acto I

Don Afonso, a través do seu confidente Rustighello, sabe que Lucrecia estivo cun tal Genaro en Veneza, e que este se instalou fronte ao palacio ducal. Sospeitando unha relación amorosa, Alfonso ordena a Rustighello que deteña o mozo. Vanse e pouco despois saen os amigos de Genaro con Maffio Orsini, que se ríen da suposta fascinación de Genaro por Lucrecia. Para demostrar que non é certo, Genaro arrinca do nome Borgia do palacio ducal o B inicial. Vanse todos, pero Rustighello e Astolfo tratan de levar a Genaro. Rustighello gaña a partida a Astolfo e leva a Genaro ante o duque.

Nun cuarto do palacio ducal, Alfonso informou a súa esposa do asunto da letra B e a duquesa insiste en que o culpable sexa castigado. Alfonso fai entrar a Genaro, quen ante o horror de Lucrecia, confesa ter arrincado a letra do palacio. Alfonso decide matalo e apartando un momento o mozo, dálle a elixir á duquesa, horrorizada, a clase de morte. Ela elixe o veleno.

Finxindo amizade, o duque manda traer outra vez a Genaro e brinda por unha suposta reconciliación. O duque vaise, satisfeito de ter administrado un veleno no viño a quen el cre amante da súa esposa. Esta, no entanto, dálle un antídoto. Así, Genaro sálvase e vaise por unha porta secreta que lle mostra a estraña duquesa, que insistiu en que debe marchar canto antes de Ferrara. Genaro queda completamente perplexo ante o que viu no palacio.

Acto II

É de noite. Contra o esperado, Genaro segue vivo e no seu palacio. Rustighello disponse a matalo, pero Genaro sae con Orsini, quen co seu carácter despreocupado quere aprazar a marcha ata despois de ter visitado o baile dunha tal Princesa Negroni. De mala gana, Genaro decide ir tamén ao baile.

No gran salón do Palazzo Negroni Genaro e todos os seus amigos están na fiesta. A misteriosa Princesa preside o baile desde a galería. Sérvese viño de Siracusa, e todos beben, aínda que Genaro observa que Gubetta non o proba. Maffio Orsini canta un brinde despreocupado e a pesar de que se oen cantos misteriosos e fúnebres emprende unha segunda estrofa.

De súpeto decátanse de que están sós na sala. Entón aparece Lucrecia Borgia, quen anuncia aos amigos que esta cea en Ferrara é en compensación do baile que lle ofreceron en Veneza, e que todos van morrer, porque o viño estaba envelenado e os cadaleitos xa están a punto. Genaro destácase do grupo e dille que tamén fará falta un para el. Lucrecia horrorízase ao ver que envelenou o seu propio fillo e ofrécelle un antídoto, pero Genaro esixe que haxa para todos. Non é posible; só hai unha dose. Daquela Genaro prefire morrer cos seus amigos. Morren todos, en efecto, e cando chega Alfonso para deter a Genaro, Lucrecia tolea de dor e confésa que Genaro non era o seu amante, senón o seu fillo.

Conferencia

Unha conferencia sobre "Lucrecia Borgia, o compositor e o seu tempo" desenvolverase hoxe luns a partir das 20:00 no Teatro-Sala de Concertos Caixanova, a modo de guía para entender mellor esta ópera.
Descargar todas as imaxes

Máis información