Escoitar

"O lacazán", de Jean Renoir, proxectarse con acompañamento musical o luns no Auditorio Municipal

A película de cine non sonoro "O lacazán", realizada por Jean Renoir en 1928, será proxectada co acompañamento musical do trío con piano "Mesturas" o próximo luns 14 no Auditorio Municipal, dentro do ciclo "Música para o silencio", do Festival Are More.

venres, 11 nov 2005
1131713623renoir.jpeg
Jean Renoir
O Auditorio do Concello de Vigo acollerá o vindeiro luns 14 de novembro, ás 20:30, a segunda sesión do ciclo "Músicas para o silencio" que se desenvolverá no marco do Festival Are More ata o 28 de novembro. Nesta ocasión, o Trío con piano "Mesturas" porá música á película de Jean Renoir "O lacazán", adaptación dun vodevil de Mouézy-Eon e A. Sylvane. "O lacazán", de 1928, é a cinta deste autor francés onde máis se nota a influencia de Charles Chaplin. Nela Renoir mestura comedia e traxedia, fantasía e crueldade para narrar a historia dun amo e un criado que van xuntos ao servizo militar.

O director, produtor e guionista francés Jean Renoir (1894), fillo do pintor impresionista Auguste Renoir, desenvolve unha longa traxectoria cinematográfica ata o seu pasamento en California en 1979.

Entre a súa filmografía destaca, ademáis de "O lacazán", "A filla da auga", de 1924, na que comeza a explorar as posibilidades estéticas do cine, e volve facelo en "Nana", de 1926, filme en que sintetiza o impresionismo francés e o expresionismo alemán. Na década dos trinta, xa na época do cine sonoro, Renoir pasaría a un estilo máis realista.

Nas seguintes películas, o autor francés examina a realidade social do seu país. Estes traballos son o punto de partida dun periodo máis político, con títulos como "A vida é rosa", producida en 1936 polo Partido Comunista francés, e "A regra de xogo", de 1939, onde fala da derrota dos valores humanistas.

Posteriormente Renoir abandona Francia e exiliase nos Estados Unidos. A pesar de que Hollywood o desilusiona, durante a Segunda Guerra Mundial fai algúns dos seus mellores filmes, como "Esta terra é miña", de 1943.

En 1952 roda na India "O río" e xa da súa última última etapa, en que alterna cine con literatura, son "A carroza de ouro", de 1953, "Comida sobre a herba", de 1959, "O testamento do doutor Cordelier", de 1961, "O cabo atrapado", de 1962 e o que sería o seu último traballo: "O pequeno teatro de Jean Renoir", de 1969.

Trío Mesuras

O Trío "Mesturas" está integrado por músicos que realizaron os seus estudos en España e Cuba: Mayda Toledo Aribú no violín, Luis Enrique Caballero Varona no violonchelo, e Beatriz Betancourt García ao piano.

Ao longo da súa carreira musical como solistas obtiveron diferentes premios en concursos e teñen participado en festivais de música de cámara e en diversos concertos no marco da semana da Cultura Cubana nos anos 2003 e 2004. Ademais, coa Camerata Viguesa actuaron en diferentes teatros e salas de concertos de Galicia e Portugal e teñen colaborado en cursos de música de Cámara e Orquestra en Vigo, Santiago de Compostela e A Palma. Na actualidade alternan o seu traballo de intérpretes coa docencia en diversas academias e conservatorios de Galicia.

As entradas para este concerto poden adquirirse en taquilla a partir das 19:45, por dous euros.
Descargar todas as imaxes