Escoitar

A Casa das Mulleres acolle as "III Jornadas de Formaçom do Feminismo"

A Casa das Mulleres acollerá o próximo venres, 17 de novembro, e o sábado 18 as "III Jornadas de Formaçom do Feminismo", organizadas co lema "Por umha sociedade laica. Polo nosso direito a decidir" polas Mulheres Nacionalistas Galegas coa colaboración da Concellaría da Muller.

martes, 15 nov 2005
1132064693mul.jpeg
A xornada do venres 17 versará sobre "Feminismo e sociedade laica" e contará coa participación como ponentes de Amada Traba Díaz, encargada, entre outros proxectos, da redacción do "I Plan de igualdade das Mulleres de Vigo", e Mercedes Oliveira Malvar, gañadora do "Premio Nacional de Educación y Sociedad" e colaboradora do "II Plan Municipal para a igualdade de oportunidades e de trato das mulleres".

O sábado 18 a xornada centrarase na "Perspectiva Feminista sobre a legislaçom: pola derogaçom do Concordato". A ponente encargada de falar sobre este tema será Doris Benegas Haddad, colaboradora da "Academia de Legislación y Jurisprudencia de Valladolid" e integrante da "Asociación de Mujeres Juristas Themis".

Ambas as dúas xornadas comezarán ás 19:30. A inscrición é gratuíta e pode realizarse a través do correo electrónico mngvigo@hotmail.com ou no número de teléfono da Casa das Mulleres, 986 442 194. A entrada será libre ata completar o aforo.

Concurso de fotografía para mulleres

Por outra parte, a Vogalía da Muller da Asociación Veciñal Val do Fragoso organiza un certame de fotografía feminina co título de "Ollada de muller". As fotografías, dúas por participante como máximo, terán tema libre, serán a cor e contarán cunha medida de 20 por 25 centímetros. Entregaranse nun sobre co nome ou pseudónimo da autora e os títulos das fotografías, así como cos datos persoais de contacto, ao seguinte enderezo: Secretaría da AV Val do Fragoso, rúa Val Miñor, 1-3, 2º andar, 36210 Vigo. O prazo de entrega acaba o próximo sábado.

Haberá tres premios. A gañadora do primeiro recibirá 75 euros e unha figura de Sargadelos; a do segundo, 50 euros e unha figura de Sargadelos; e a do terceiro, unha figura de Sargadelos. As fotografías premiadas publicaranse na páxina web da asociación convocante, www.valdofragoso.tk.
Descargar todas as imaxes