Escoitar

Profesionais da prevención avaliarán o Plan Local sobre Drogodependencias

A concelleira de Benestar Social, Marta Iglesias, presentou hoxe mércores as V Xornadas do Plan Local sobre Drogodependencias e outras Adiccións, que se desenvolverán no Verbum os vindeiros días 23 e 24 de novembro co título de "Epidemioloxía, avaliación e novas estratexias".

mércores, 16 nov 2005
1132149823droga1611.jpg
Marta Iglesias definiu estas Xornadas como "un momento e un espazo de reflexión" aberto á sociedade en xeral, e especialmente ás institucións e profesionais que en Galicia actúan neste campo. Segundo a concelleira, as Xornadas servirán para "presentar o traballo realizado polos distintos axentes da saúde, para avaliar as políticas e programas en materia de drogodependencias e para discutir as propostas de novos programas ou a mellora dos existentes".

Ademais, estas V Xornadas queren ser o punto de chegada onde se avalíe o Plan Local sobre Drogodependencias e outras Adiccións 2002-2004, e o de partida dun novo e ambicioso Plan para o periodo 2006-2008.

Van ser tamén o encontro especializado onde se presenterá o "Estudo Epidemiolóxico sobre Drogodependencias e outras adiccións nos mozos de 14 a 21 anos do municipio de Vigo". Este estudo foi elaborado pola Faculdade de Psicoloxía da Universidade de Santiago, baixo a dirección de Elisardo Becoña, catedrático de Psicoloxía Clínica e recoñecida autoridade na materia.

O estudo, impulsado polo Concello de Vigo, é o produto dun convenio de colaboración coa Universidade santiaguesa e foi financiado a través dunha subvención concedida pola Fundación Pedro Barrié de la Maza.

Durante as Xornadas tamén se presentarán as experiencias que nos últimos anos desenvolveron en Vigo, en materia de prevención e asistencia, diversas entidades, organismos e profesionais. Así mesmo, o Verbum acollerá a exposición "Violencia de xénero e alcohol", producida por ASVIDAL.
Descargar todas as imaxes