Escoitar

Aberta a exposición "Travesías. Galicia, terra de navegantes"

A Casa das Artes acollerá, desde o venres, 4 de novembro, a exposición "Travesías. Galicia, terra de navegantes". Esta mostra adentrará o visitante no mundo do mar a través de tres viaxes oceánicas vinculadas estreitamente co noso país, mostrando a evolución do coñecemento náutico ao longo dos tempos.

venres, 4 nov 2005
1131128040travesias.jpeg
Con "Travesías. Galicia, terra de navegantes", a Fundación Deporte Galego e a editorial Galaxia, coa colaboración do Concello, pretenden que o visitante integre na súa memoria histórica a relación que as xentes do pasado estableceron co mar e que experimente a dificuldade e a vertixe da paixón mariñeira. Inmersa nestas premisas, a exposición disponse en catro seccións, distribuídas en tres cidades: Vigo, Pontevedra e Ferrol.

En Vigo, despois dunha sección introductoria sobre a evolución do coñecemento xeográfico, a segunda sección descobre en cada un dos seus módulos dúas das tres viaxes oceánicas propostas, seguindo os periplos dos seus protagonistas. A terceira sección mostra un buque e os seus instrumentos náuticos, facilitando unha visión sinxela e cabal da navegación e da vela no decurso do tempo. Por último, a sección cuarta mostra unha galería de navegantes galegos, na cal se recolle o amplo e variado testemuño da vocación mariñeira de Galicia.

A exposición de Pontevedra recolle a sección cuarta ampliada e complementada coas salas náuticas propias do Museo desta cidade, entre as cales sobresae a réplica da sala de oficiais do Numancia, o barco de Méndez Núñez. Esta sede arriquécese coa celebración dunha serie de conferencias de tema náutico nas súas vertentes histórica, literaria e técnica.

Entretanto, no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol inclúese a sección cuarta, tamén ampliada e axeitada á rica tradición náutica ferrolá. A mostra extenderase aquí tamén á historia da Escola de Pilotos de Ferrol, que dá paso á terceira viaxe oceánica proposta: a viaxe de circunnavegación da corbeta "Nautilus".
"Travesías. Galicia, Terra de Navegantes" poderá visitarse ata o 31 de decembro, de luns a venres, de 18:00 a 21:30, os sábados, de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:30, e os domingos e festivos, de 11:00 a 14:00.
Descargar todas as imaxes