Escoitar

A compañía de monicreques Theater Karromato interpretará "A festa do emperador", de Mozart, para o público escolar e familiar

A obra "A festa do emperador" de Mozart, é a obra elixida pola compañía de monicreques Theater Karromato, da República Checa, para interpretar no marco do ciclo "A formación de públicos no Are More" os días 4 e 5 de novembro no Teatro Fraga-CaixaGalicia.

xoves, 3 nov 2005
1131023855are.jpg
Así, o venres 4 de novembro terá lugar os concertos dirixidos ao público escolar, nunha dobre quenda: ás 10.30 e as 12.30 horas. Neles participarán mais de 1.500 escolares de diversos centros de Vigo e a súa área de influenza, como poden ser Coutada-Beade, Celso Emilio Ferreiro, Pintor Laxeiro ou Emilia Pardo Bazán, entre outros. Pola súa banda o concerto destinado ao público familiar, para o cal xa están esgotadas as entradas, será o sábado ás 18.00 horas.

En "A festa do emperador", a compañía Theater Karromato sitúanos no Palacio de Schönbrun, en Viena no ano 1786, cando o emperador austrohúngaro Xosé II decide organizar unha festa para conmemorar a visita da súa irmá, María Teresa. Para elo, encarga a Wolfgang Amadeus Mozart que compoña unha ópera breve. O compositor, que neses intres está a traballar en "As vodas de Figaro", non pode rexeitar o encargo, polo que a falta de tempo para os ensaios e os preparativos para a festa o levan á desesperación.Finalmente, malia o caos entre bastidores, a festa e a representación lévanse a cabo con éxito e a aristocracia divírtese satisfeita. Só Mozart, esgotado e esquecido pregúntase se pagou a pena tanto esforzo.

A compañía Theater Karromato, creada no ano 1997, está principalmente orientada á produción de espectáculos de marionetas de fío e conta con manipuladores de tres países: a República Checa, Hungría e España. Dende a súa fundación, ten participado en festivais dos distintos países europeos e ten realizado xiras en Sudamérica. Na actualidade realiza traballos de coprodución con compañías de Alemania, Italia e México.

Nas súas montaxes, Karromato mantén a tradición centroeuropea do teatro de monicreques, preservando o seu valor como unha valiosa forma de expresión teatral que pode divertir ao público de todas as edades.

No caso da "A festa do emperador", o director de escena Luis Montoto explica que tomaron como base a pouco coñecida comedia musical de Mozart "O empresario teatral", da que se interpretan diversas arias, así como fragmentos doutras obras do compositor austríaco.

A montaxe, que invita a realizar unha viaxe no tempo ata a Viena do 1786, conta cun escenario realizado co máximo esmero artesanal, de xeito que semella unha obra de arte coas súas tres caixas escénicas marabillosamente adornadas e equipadas. O decorado é unha reprodución en miniatura dun teatro barroco, no que é fundamental ata o mais mínimo detalle. Está composto por un escenario principal e dous secundarios, cubertos por grosos panos de veludo vermello recollidos que deixan contemplar sen estorbos unha estancia do Palacio de Shönbrun de Viena.

Neste ambiente de madeira e tecido, mestúranse monicreques de fío ricamente vestidos, festidos a man, seguindo a tradición praguense, e nas súas caras están talladas os mais importantes rasgos da personalidade de cada un dos personaxes. A escenificación está chea de gags e sorpresas, precisamente porque malia o caos inicial, todo acaba ben e sobre todo, porque as persoas que manexan os fíos coñecen todas as posibilidades para sacar proveito dos monicreques. E os xogos de sombras resultan fascinantes, xa que a través dunha fiestra que se abre sobre o escenario principal conseguen cos seus máxicos efectos luminosos un segundo nivel de experimentación. Non só explican o desenvolvemento da acción, senón que coas filigranas das súas siluetas negras crean máxicos contrastes.

O seguintes concertos correspondentes ao ciclo "A formación de públicos no Are More" terán lugar os días 25 e 26 de novembro no Teatro Fraga-CaixaGalicia, onde terá lugar a representación da ópera de Viardot "A cenicienta".
Descargar todas as imaxes