Escoitar

Lucía Molares presenta a III Edición da Travesía pola Ría de Vigo

A concelleira de Deportes, Lucía Molares, presentou xunto aos representantes do Club Montañeiros Celtas a terceira edición da Travesía pola Ría de Vigo e o seu contorno, que se disputará os días 25 e 26 de xuño.

luns, 20 xuñ 2005
1119273080ria2006.jpeg
Esta Travesía combina diversas actividades deportivas en contacto coa natureza: kaiak de mar, espeoloxía, escalada, montañismo, natación no mar e bici de montaña. Segundo explicou o presidente dos Montañeiros Celtas, Sechu López, esta é unha actividade non competitiva, xa que "o importante é chegar á meta, non chegar primeiro". A Travesía está aberta a socios e non socios do Club, co obxectivo de compartiren cos compañeiros unha pequena aventura, algo dura pero apaixonante e intensa. Segundo Sechu López, "estaría ben para a organización chegar a 40 participantes".

A concelleira Lucía Molares lembrou que estes participantes deben ser maiores de idade e "ter unha noi boa forma física". Ademais, é necesario un kaiak de mar, unha bici de montaña, traxe de neopreno e gorro de baño. Por suposto, hai que saber nadar, xa que se cubrirá deste xeito un tramo de 800 metros. O material de escalada e de espeleoloxía achégao o Club de Montañeiros Celtas.

A Travesía partirá da praia do Vao o 25 de xuño ás 9:30. Desde alí, os competidores partirán cara a Samil e o Cabo de Mar, cruzarán despois a ría e desde Liméns bordearán a costa do Morrazo ata chegaren á praia de Melide, xunta a Cabo Home. Estímase que a chegada a este punto se produza contra as 12:00.

Despois do desembarco, os participantes achegaranse á Furna do Lago para faceren a actividade de espeleoloxía. Despois emprenderán unha marcha de montaña de 31 kilómetros saíndo de Donón ás 15:00, pasando por Nerga, Liméns, os montes de Varalonga e Outeiro da Raposa. No alto da Portela farase unha parada para merendar e logo continuarase en dirección ao monte Ermelo, o monte Paralaia, o alto do Cruceiro e, finalmente, o monte Paralaia, de 622 metros de altura.

A duración estimada desta marcha de montaña é de oito horas, despois das cales se ceará e pernoctará ao abeiro dun refuxio situado no propio monte Domaio. Tras o almorzo, a Travesía reemprenderase ás 6:00 co descenso a pé ata a ponte de Rande. Dede este punto os participantes cruzarán a nado a ría para chegaren á praia de Rande arredor das 8:30. De seguido comezará o percorrido en bici de montaña ata o monte Aloia, onde está previsto que os participantes cheguen a partir das 14:00.

Para máis información e reserva de prazas, poden dirixirse á oficina do Club Montañeiros Celtas, de martes a venres, de 19:00 a 21:30 ata o día 22 de xuño ou ata que se cubran 40 prazas. O prezo das inscricións é de 35 euros para os socios do Club e de 45 para os que non o son. O prezo inclúe bebidas e froita, comida e cea do sábado, almorzos e comida do domingo, praza no refuxio de Domaio, camiseta conmemorativa, gorro de baño, transporte do material en tránsito e retorno desde o monte Aloia á praia do Vao.
Descargar todas as imaxes