Escoitar

Vigo celebra en xullo o I Campus de baloncesto Seis do Nadal-Unicef

O Campus, no que se poderá practicar ademais de baloncesto deportes como a natación, rugby, tenis de mesa, atletismo ou squash, vai dirixido a rapaces de 6 a 17 anos e terá lugar no Campus Universitario de Vigo entre o 10 e o 17 de xullo.

venres, 17 xuñ 2005
1119012475campus.jpg
A concelleira de Deportes e Xuventude, Lucía Molares, presentou hoxe o I Campus de baloncesto Seis do Nadal-Unicef que forma parte do programa de "Verán Xove 2005" e terá lugar nas instalacións da Universidade de Vigo. Durante a semana do 10 ao 17 de xullo o evento ofrecerá, ademais dunha completa formación deportiva que correrá a cargo de adestradores de contrastada experiencia, un amplo abano de oportunidades de ocio, cultura e deportes alternativos.

Tenis, natación, rugby, tenis de mesa, atletismo, squash, ademais de baloncesto, son algúns dos deportes que se poden practicar no campus, que ademais permitirá ter un primeiro contacto cos deportes de aventura como o rafting (descenso ao río Sil; só para maiores de 14 anos), itinerarios de mountain bike, trekking, hípica e montañismo.

O Campus está pensado para rapaces de idades comprendidas entre os 6 e os 17 anos. O prezo en réxime interno, que inclúe pensión completa con aloxamento na Residencia Universitaria e actividades complementarias, é de 275 euros, mentres que o réxime externo: media pensión de 9 a 19,45 horas máis traslado diario no autobús urbano é de 150 euros. As inscricións, antes do vindeiro venres 24 de xuño deben facerse no Club Baloncesto Seis de Nadal-Coia, na rúa Baiona 15, 10º B.

Entre as actividades culturais que o campus ofrece hai proxeccións de películas, teatro alternativo, saídas ao cine, visitas guiadas a Naturnova, Museo do Mar, Casa das Palabras, etc. Para enriquecer a actividade cultural farase unha viaxe polo mundo da interpretación. No Teatro Ensalle de Vigo presenciaranse obras de teatro, así como monólogos e interpretacións varias.


Para o desenvolvemento da actividade elixiuse a Cidade Universitaria de Vigo que conta cun complexo deportivo moderno e con gran diversidade de instalación. A disposición do descanso dos deportistas, corpo técnico, monitores de tempo libre e personalidades do mundo do deporte, o campus conta coas instalacións do Complexo Residencial do Castro que está emprazado no Campus Universitario. Rodeado de eucaliptos, e con inmellorables vistas das Illas Cíes, a Residencia dispón de 225 prazas, en habitacións individuais e dobres, totalmente equipadas con baño completo, conexión informática, teléfono e antena de TV. N as zonas comúns da Residencia pódese disfrutar de ximnasio, sala de xogos, sala de informática e lavandería en autoservizo.



Para o desenvolvemento do evento contarase con adestradores e profesionais aportados polo C. B. Seis do Nadal e por distintos clubs de España e Portugal como o Sport Algés e Dafundo de Lisboa (Portugal), Esgeira de Aveiro (Portugal), Estudiantes de Madrid, R. C. B. Canoe de Madrid, C. B. La Palma de Gran Canarias, San Narciso de Marín, PBB de Porriño, o C. B. Extrugasa de Vilagarcía... Así como para as actividades de tempo libre contarase con monitores Titulados no Tempo Libre, Licenciados en INEF e Técnicos en Animación Físico Deportiva.

Para o resto de actividades cóntase coa contratación de empresas e clubs deportivos especializados no sector como para o Rafting con Vaguada Aventura, para a Hípica con La Muralla, para o Rugby con Vigo Rugby Club, etc.
Descargar todas as imaxes