Escoitar

O Concello achegará 27.000 euros ás actividades socioculturais de "El Olivo"

O Concello, a través das Concellerías de Festas e Animación Sociocultural e de Participación Cidadá, achegará 27.286 euros á Federación de Peñas Recreativas "El Olivo" para o desenvolvemento de actividades socioculturais durante 2005.

xoves, 16 xuñ 2005
1118924563olivo.jpg
O concelleiro de Festas e Animación Sociocultural, Ignacio Llópez-Chaves, e a concelleira de Participación Cidadá, Marta Iglesias, asinaron hoxe xoves un convenio de colaboración coa Federación de Peñas Recreativas "El Olivo" para o desenvolvemento de actividades socioculturais durante o ano 2005.

Este convenio ten por obxecto establecer as bases de colaboración e regular a cooperación entre o Concello e "El Olivo", de xeito que este esforzo conxunto permita a programación e o desenvolvemento de diversas actividades de carácte cultural, cívico e social.

Este acordo supón para o Concello o compromiso de achegar 27.286 euros. Así, a Concellería de Festas e Animación Sociaocultural entregará 8.250 euros para o Magosto 2005 e outros 7.000 para a realización de circuítos culturais. Con cargo á Concellería de Participación Cidadá financiaranse o XVIII Trofeo "Cidade de Vigo" de xogos de mesa (4.000 euros), a Fetas das Peñas (2.500 euros), a edición da revista "Anuario" (2.500 euros) e os gastos de xestión da Federación (3.036).

Todas estas actividades están destinadas ao público en xeral. O acceso será público e o número de asistentes limitarase ao aforo do lugar onde se realicen. No entanto, as actividades, servizos e productos ofertados poderán conlevar unha achega económica por parte dos usuarios, por exemplo en forma de billetes e entradas.

Ignacio López-Chaves mostrou o seu agradecemento a "El Olivo" "polo seu traballo en actividades como a Cabalgata de Reis, o entroido e a Batalla de Flores, na que participaron 30.000 persoas". Segundo o concelleiro, está demostrado que a Federación "é unha entidade que traballa ben e sempre está disposta a colaborar".

Pola súa banda, Marta Iglesias dixo que este convenio é un "paso adiante para facilitarlle as cousas a unhas persoas que dedican moito tempo a facer cidade". O presidente de "El Olivo", Balbino Moreira, agradeceu o apoio do Concello e dixo esperar que esta colaboración dure moitos anos.
Descargar todas as imaxes