Escoitar

Protección Civil contará con 4 embarcacións, unha rulot de control e un vehículo de servizo para a vixilancia das praias

Á presentación dos medios materiais cos que contará o servizo, incluída unha nova embarcación doada por Xustiza, asistiu a alcaldesa, Corina Porro. O servizo de vixilancia atenderá ás praias de Samil, O Vao e A Guía, ademais de Teis, en horario de 10 a 21.

mércores, 15 xuñ 2005
A alcaldesa Corina Porro asistiu á presentación do servizo de Protección Civil en Praias e da embarcación doada pola Consellería de Xustiza que tivo lugar hoxe mércores no Peirao do Porto Deportivo de Bouzas. Coa última adquisición Protección Civil conta con catro embarcacións, unha nova e tres recuperadas, aínda que no mar haberá dúas diarias de servizo e o resto permanecerán na reserva. O servizo de protección Civil contará tamén cunha rulot que fará as veces de posto de control e un vehículo de servizo itinerante. O Plan Sapraga 2005 pretende cubrir as praias de Samil, O Vao, A Guía e, de xeito ocasional, a praia de Teis.

A rulot que fai de posto de control estará en Samil e permanentemente en contacto coa base central de Protección Civil sita na rúa Pi y Margall. Por medio dunha emisora de radioteléfono coordinará as dúas embarcacións e o vehículo de emerxencias que circula polas praias, cun horario dende as 10 da mañá ata as 21 horas. Tamén dará información aos bañistas que o requiran.

As embarcacións neumáticas cubrirán as praias de Samil e O Vao. Dependendo do traballo e das condicións meteorolóxicas, desprazaranse tamén á praia da Guía e á de Teis para realizar servizos de vixilancia e salvamento, permanecendo unha hora de cada vez. O vehículo de servizo recorrerá todos os días as praias de Samil, O Vao e A Guía co mesmo horario de tardes e mañás que as embarcacións. Ocasionalmente desprazarase tamén a Teis.

As quendas de servizo serán de 10 a 15 pola mañá e de 15 a 21 pola tarde. Protección Civil traballará en coordinación coa Cruz Vermella e os servizos municipais e contará cunha media desexable de 22 voluntarios ao día.