Escoitar

Marta Iglesias asinou un convenio coa consellería de Sanidade para a prevención de drogodependencias

A concelleira de Benestar Social, Marta Iglesias, xunto con representantes de 63 entidades galegas asinaron hoxe martes en Santiago un convenio coa consellería de Sanidade en materia de prevención e tratamento de drogodependencias cun investimento dispoñible de 10.108.627 euros.

martes, 14 xuñ 2005
A concelleira Marta Iglesias acudiu hoxe a Santiago á sinatura dun convenio entre a consellería de Sanidade e representantes de 63 entidades (25 asociacións e 38 concellos) para o desenvolvemento de programas de tratamento, prevención e incorporación social de drogodependencias, aos que a Xunta destina máis de 10 millóns de euros.

Asináronse un total de 78 convenios cos alcaldes, concelleiros e representantes de asociacións con centros de tratamento e que xestionan programas de prevención ou incorporación social. Dos 10.108.627 euros destinados nestas sinaturas, o 20% corresponde a programas de prevención e incorporación social, e o 80% está destinados aos diferentes centros de tratamento. En ámbolos dous casos, produciuse un considerable incremento con respecto aos cartos destinados para o ano anterior, así os destinados a prevención creceron nun 9%, e os destinados a tratamento nun 6%.

O titular da consellería, José Manuel González, destacou a importancia de traballo coordinado entre o Plan de Galicia sobre Drogas e estas entidades para atallar "un problema social e de saúde que é o consumo de drogas e a drogodependencia". Deste traballo conxunto derívanse -continuou- os bos resultados do pasado ano, como que no programa de prevención no eido escolar participaran máis de 116.000 alumnos; nos programas de prevención xeral, máis de 40.000 pais e nais e 30.000 mozos; que nos centros asistencias atendéranse máis de 12.000 pacientes en tratamento; e, por último, que 3.500 persoas beneficiáronse dos procesos de incorporación social.