Escoitar

"Todos en Internet" achegará a rede aos cidadáns ata o 23 de xuño

A campaña promovida polo ministerio de Industria, Turismo e Comercio e a entidade Red.es achegará Internet aos cidadáns con máis dificultades de acceso á rede mediante unha aula permanente instalada na Asociación Cristo de la Victoria de Coia.

mércores, 15 xuñ 2005
As concelleiras Marta Iglesias e Marisol Polo asistiron hoxe á presentación da campaña "Todos en Internet", que promove o uso de Internet na cidade e tivo lugar no auditorio da Asociación Cristo de la Victoria de Coia. Promovida polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e a entidade pública empresarial Red.es, a campaña conta coa colaboración da Xunta de Galicia e o Concello de Vigo e pretende articular os planes autonómicos e locais para garantir o uso da rede nos novos internautas.

A campaña Todos.es ("Todos en Internet") consta de dous planes: un plan de sensibilización para promover o uso da rede a través de Aulas de Internet fixas que recorrerán Vigo e a provincia de Pontevedra e un ha campaña de publicidade na prensa e radios locais.

A campaña comeza en Vigo coa instalación dunha Aula Fixa no salón de actos da Asociación de Veciños Cristo da Victoria que estará aberta entre as 9 e as 21 horas ata o próximo 23 de xuño. Os visitantes poderán coñecer as vantaxes que proporciona o uso da rede en distintas actividades como o traballo, o ocio e a comunicación. Durante 45 minutos e coa axuda dun monitor recibirán unha introducción no manexo de Internet e verán reportaxes con testemuños reais de persoas ás que a rede lles afectou positivamente na súa vida.

3.250 localidades en toda España

Esta campaña pretende promover o uso de Internet e contribuír á vertebración da Sociedade da Información entre colectivos que non usan habitualmente á rede, como amas de casa, mozos estudiantes, persoas maiores, inmigrantes e discapacitados. Cun orzamento a nivel nacional de 16 millóns de euros, o plan pretende chegar a 1,5 millóns de cidadáns. Así, durante 16 meses, 25 aulas de Internet dotadas de 25 ordenadores cada unha e conexión de banda ancha vía satélite recorrerán un total de 3.250 localidades de toda España.