Escoitar

A Xunta de Goberno autoriza o persoal da Policía Local para facer xornadas adicionais

A Xunta de Goberno Local autoriza o persoal da Policía Local para realizar 10 xornadas adicionais ás legalmente previstas. Ademais, aprobou a disposición, por parte do Concello, de 38.000 euros para a prevención de drogodependencias.

luns, 20 xuñ 2005
1119272976chem2006.jpeg
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe luns unha proposta cuxo obxecto é o de autorizar o persoal de cadro da Policía Local para realizar un total de 10 xornadas adicionais respecto das legalmente previstas. A duración de cada unha destas xornadas adicionais, que se realizarán en todo caso entre o 1 de xuño e o 31 de decembro, será de 8 horas. O custo total do programa aprobado a raíz desta proposta non poderá exceder os 652.380,70 euros.

Ademais, na reunión de hoxe tamén se decidiu iniciar os trámites previos á sinatura dun convenio de cofinanciamento entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Vigo para programas de prevención de drogodependencias e promoción da saúde.

Así, quedou aprobada a disposición dun total de 28.500 euros por parte da Concellería de Benestar Social para facer fronte á parte correspondente de cofinanciamento do citado convenio neste ano 2005, e un total de 9.500 euros en 2006, de existir dotación económica suficiente e axeitada nos orzamentos dese ano. A cantidade resultante como achega do Concello de Vigo a este convenio será de 38.000 euros.

Ademais, a Xunta de Goberno Local adoptou o acordo de prorrogar para o período comprendido entre o 1 de xullo de 2005 e o 30 de xuño de 2006 o contrato de prestación do servizo de vixilancia nos centros cívicos do Concello de Vigo suscrito coa empresa "Securitas Seguridad España, S.A.".
Descargar todas as imaxes