Escoitar

A Orquestra da Escola Municipal de Música de Vigo preséntase cun concerto no Auditorio do Concello

O concerto de presentación terá lugar mañá martes ás 19,30 horas no Auditorio do Concello e coincidirá coa celebración do Día Mundial da Música. Despois de oito anos de percorrido, a Escola Municipal de Música, que naceu en 1997, presenta oficialmente a súa orquestra o mesmo ano en que sae a súa primeira promoción de músicos.

luns, 20 xuñ 2005
1119271408music.jpg
O concelleiro Ignacio López-Chaves e un dos directores, Óscar Davila Mariño, presentaron hoxe o primeiro concerto da Orquestra da Escola Municipal de Música, que terá lugar mañá martes no Auditorio do Concello con motivo do Día Internacional da Música. Esta formación recén constituída está integrada maioritariamente por mozos con inquietudes musicais e ten como finalidade principal a de formar aos seus integrantes nunha orquestra e divulgar e ensinar os distintos estilos musicais "dun xeito didáctico e lúdico", dixo o concelleiro.

A Escola Municipal de Música de Vigo inaugurouse o 22 de setembro de 1997 e logo de oito anos de formación preséntase a orquestra o mesmo ano que a primeira promoción completa o plan de estudos do centro. No primeiro curso, 1997-98, a oferta educativa era de 228 prazas e 9 especialidades instrumentais. Na actualidade conta con 385 prazas e 12 especialidades instrumentais:

108 prazas de música e Movemento (de 4 a 7 anos)
225 prazas do Plan de estudos xeral (8 a 15 anos)
52 prazas do Plan de estudos para adultos (de 16 en adiante)

A escola imparte tres bloques de materias:

- Práctica instrumental con 12 especialidades: violín, viola, violonchelo, trompa, trompeta, trombón, percusión, frauta, clarinete, saxofón, piano e guitarra.
- Formación complementaria.
- Actividades de conxunto.

Os alumnos, aparte do seu instrumento, estudan materias relacionadas coa música en grupo. Nos primeiros anos asisten a clase de Conxunto Instrumental, logo a Grupos Instrumentais e máis adiante, cando adquiren unha serie de destrezas musicais, cursan a materia de Orquestra. Segundo o director da Orquestra as clases de conxunto fomentan entre os rapaces a "solidariedade, a sociabilidade e a autoestima, valores tan importantes na nosa sociedade".

A Orquestra da Escola Municipal de Música de Vigo está integrada por 45 compoñentes. No concerto co que se presenta mañá martes, tocarán obras de diversos estilos: barroco, romanticismo, nacionalismo, música latina, bandas sonoras...

Outras actuacións

Con motivo do Día Mundial da música, o martes 21 de xuño haberá distintas actuacións de bandas en diversos puntos da nosa cidade:

a banda Atlántida de Matamá tocará ás 20,30 horas na praza da Independencia
a Unión Musical de Valadares o fará en Montero Ríos á mesma hora
a Escola de Música de Beade tocará tamén ás 20,30 na praza de Urzáiz
a Unión Musical de Coruxo, na praza da Constitución ás 20,30 horas
a Unión Musical de Cabral fará o propio á mesma hora na Alameda de Bouzas

Asociación Galega de Músicos de Jazz

Por outra banda e enmarcado no contexto do Festival Internacional de Jazz de Vigo "Imaxina Sons" e na celebración Día Internacional da Música, mañá martes terá lugar a presentación da primeira Asociación de Músicos de Jazz de Galicia, que será no salón de actos do Marco ás 12,30 horas e contará coa presenza dos músicos Baldo Martínez, Alberto Conde e Abe Rábade.
1119271408music.jpg
1119271443chav.jpg
Descargar todas as imaxes