Escoitar

A "Illa dos monos" de Vigo-Zoo comezarase a construír o luns

As obras de construcción da "Illa dos monos" de Vigo-Zoo comezarán o vindeiro luns 18 de abril e terán unha duración de tres meses. Ademais, o 1 de maio o zoolóxico celebrará a súa xornada de portas abertas.

venres, 15 abr 2005
1113553956monagibraltar3.jpg
Macacos de Xibraltar
O próximo luns 18 de abril comezarán as obras de construcción da "Illa dos monos" de Vigo-Zoo, un espazo concibido para a exposición conxunta de dúas especies de primates, o macaco de Xibraltar e o papión oliva. A duración destas obras será de tres meses.

A "Illa dos monos" contará cunha extensión aproximada de 800 metros cadrados e estará rodeada, por motivos de seguridade, por un foso de auga cunha fervenza na súa parte inferior. A illa construirase con materiais naturais e o seu interior, que será oco, disporá de varios habitáculos para os monos. Os primates gozarán dunha liberdade total dentro do recinto.

O Consello de Administración de Vigo-Zoo seleccionou para a construcción da "Illa dos monos" a empresa Opain S.L., cunha oferta de 173.393,91 euros, uns 9.000 euros menos do previsto no prego de condicións. Ademais, Opain comprometeuse a realizar as obras en tres meses, reducindo deste xeito o prazo de catro meses requerido.

Por outra parte, o próximo 1 de maio Vigo-Zoo celebrará unha xornada de portas abertas para que os visitantes poidan coñecer as instalacións de maneira gratuíta.
Descargar todas as imaxes