Escoitar

Corina Porro inaugura as actividades do Arquivo Pacheco para 2005

A alcaldesa, Corina Porro, visitou a Casa das Artes para inaugurar as actividades do Arquivo Pacheco para 2005, que se iniciarán co proxecto interactivo "A galería".

venres, 11 feb 2005
1108133107corina.jpg
A alcaldesa, Corina Porro, visitou hoxe venres as instalacións do Arquivo Pacheco na Casa das Artes para inaugurar as súas actividades para o ano 2005. A Casa das Artes iniciará este ano o seu labor de divulgación e difusión do Arquivo Pacheco co proxecto "A galería", unha actividade interactiva na que se poñen a disposición do público imaxes pertencentes aos fondos de retrato e, ao mesmo tempo, recóllese información das persoas que se achegan ao Arquivo.

A través de oito pantallas de ordenador, nunha conxunción de tecnoloxía e da faceta artística dos retratos, pódense ver cáseque tres mil imaxes dun xeito cómodo e sen necesidade de dispor dun espazo de exposición excesivamente grande.

Os organizadores de "A galería" queren saber quen son os moitos vigueses anónimos que Pacheco retratou, e animan os vigueses que dispoñan de fotografías de Pacheco a que llas acheguen. O obxectivo é catalogar este material para obter, como dixo Corina Porro, "a información que nos permita a recuperación da memoria gráfica desa parte importante da historia de Vigo".

O público que se achegue a "A galería" será atendido de 10:00 a 13:00 e de 18:30 a 20:00, previa cita, inicialmente de luns a venres e con seguridade nas mañás do sábado de 10:30 a 13:30. Os servizos que se ofrecerán ao público inclúen a busca e identificación de persoas nos ordenadores e un labor de recoñecemento das fotos que acheguen.

Por outra banda, o Arquivo está traballando para este ano en publicacións, cursos monográficos e conferencias nas que expertos de prestixio internacional participarán na posta en valor do arquivo, explicando os seus diferentes valores patrimoniais e artísticos. Así mesmo, prevese acometer un proxecto de selección das obras clave do conxunto de imaxes do arquivo.

Tamén haberá actividades dirixidas a escolares e grupos de persoas maiores e estase a traballar na creación dunha páxina web.

O Arquivo Pacheco

No ano 91 o Concello de Vigo adquiríu o "Arquivo Fotográfico Pacheco" ós herdeiros do fotógrafo Jaime de Sousa Pacheco Guedes. O "Arquivo Fotográfico Pacheco" é unha compilación do traballo fotográfico de Jaime de Sousa Pacheco Guedes e dos seus fillos Jaime e Alberto, durante o período que vai dende 1879 ata 1970.

Os fondos de dito Arquivo Fotográfico comprenden máis de 140.000 imaxes, maioritariamente placas de vidro. A variedade de temas, aspectos da vida cotiá, social e institucional, política, o deporte, a evolución da cidade, a etnografía, os espectáculos, o comercio, a industria, … e o retrato. Garda unha parte importante da nosa historia.

Os fondos do Arquivo comprenden tamén mobiliario, material fotográfico e de laboratorio, material de estudio fotográfico, libros, etc. Todos estes fondos son un material fundamental dende o punto de vista histórico, documental e artístico, para ilustra-lo período 1879-1970 na historia da cidade de Vigo.

Ó longo destes anos foron realizándose diversas accións, entre elas e nos últimos anos, dúas exposicións (unha delas acompañada dunha publicación), e un proceso de dixitalización das imaxes que contou co apoio da Fundación CaixaGalicia.

Co nomeamento dun técnico municipal como Director do Arquivo Fotográfico Pacheco en setembro de 2004, e a constitución dunha comisión interdepartamental asesora, o Concello de Vigo iniciou unha nova etapa co acondicionamento do Espacio adicado a Pacheco na Casa das Artes.

Revisión histórica e persoal

O arquivo Pacheco, ademais da súa importancia sociolóxica, ten tamén unha importancia numérica. Durante os case 50 anos que estivo á fronte do seu arquivo (asociouse coa viúva de Prósperi en 1907, e pasa a ter o estudio en propiedade en 1915) as súas cámaras, obxectivos e obturadores foron un referente da fotografía en Vigo. E isto suma un número que ronda as 60.000 probas, aínda que unha boa parte da producción que Xaime Pacheco realizou desde que chegou a Vigo a principios do século XX xa se ten perdido. Uns fondos que a familia de fotógrafo vendeu ao Concello en 1991.

Entre as miles de fotografías que se conservan de Xaime Pacheco hai eventos sociais, citas deportivas, visitas de personaxes ilustres, feitos históricos e centos de fotografías de xente anónima que acudía ó seu estudio (sito na Calle Príncipe) nese exemplo de "foto testemuña", un anaco de realidade plasmado en papel, que toda familia burguesa ateusoraba contra o paso do tempo. Por iso a importancia destes fondos: como valor histórico e a súa función social.

Pacheco chega a Vigo cando a cidade a penas contaba con 11.000 habitantes e Lavadores e Bouzas eran concellos independentes, cando por Príncipe, Policarpo Sanz ou pola Porta do Sol pasaban menos de 30 coches e un tranvía. Pero ademais, da memoria histórica, é tamén a memoria social, de toda a función social que o retrato connotaba.

Herdeiros da tradición do retrato iniciada polos fotógrafos Nadar e Disderi a finais do século XIX, Pacheco soubo acoller en Vigo toda a necesidade de plasmarse a si mesmos como símbolo do progreso. Pero sobre todo coa finalidade de ser unha "fotografía- testemuña", unha mostra de satisfacción da representación da realidade. De aí a gran cantidade de fotografías anónimas que forman parte dos fondos.

Xaime Pacheco

Xaime de Sousa Guedes Pacheco naceu en Portugal en 1878, aínda que de novo se trasladou a Ourense, onde aprendeu o oficio da fotografía da man do seu irmán (con que tamén se formaría Luis Casado – Ksado-). De todos os xeitos, dentro da actividade fotográfica de Pacheco hai un oco que é o que comprende entre 1900 e 1905, onde seducido polo invento dos irmáns Lumiere se asocia a José Gil e se dedica ao mundo do cine, viaxando por aldeas galegas e portuguesas.

En 1905 volve á fotografía e un ano máis tarde asóciase coa viúva de Prósperi (italiano que chegara a Vigo en 1870 cunha compañía dramática) e comeza o seu traballo fotográfico. Á morte desta en 1915 o estudio pasa a ser propiedade exclusiva del. Así ata 1954, ano no que morre, herdando o seu estudio o seus fillos Alberto e Xaime. Coa morte de Xaime, Alberto e a súa filla Susi foron os encargados de seguir co estudio familiar que pecharía as súas portas en 1994, moi lonxe do esplendor e a popularidade que tivera anos atrás.
1108133107corina.jpg
1108133147predro.jpg
11081331742.jpg
Descargar todas as imaxes