Escoitar

O Cineclub Lumière ofrece en febreiro un ciclo de cine policial

O Cineclub Lumière dedica a súa programación de febreiro ao cine policial, cun ciclo no que se ofrecerán mostras de todos os seus xéneros. Os filmes proxectaranse do 14 ao 28 deste mes no Auditorio da Casa do Concello.

venres, 11 feb 2005
A programación de febreiro do Cineclub Lumière do mes de febreiro está dedicada ao cine policial. Nesta denominación inclúense filmes puramente policiais, pero tamén sátiras sociais e películas de autor. Trátase dun xénero complexo que atraeu os realizadores franceses desde a orixe do cine ata os nosos días.

Para a maioría do público podería parecer que esta clase de cine está ligado case en exclusiva aos anos sesenta e setenta. Por iso non se configurou neste ciclo unha retrospectiva, senón unha paleta de títulos realizados nestes últimos vinte anos. Quérese, así, demostrar que esta tradición, máis alá de manterse forte, coñece desde hai dous anos un renacemento espectacular.

Todos os filmes serán proxectados no Auditorio da Casa do Concello a partir das 20:30. O ciclo iniciarase o luns 14 de febreiro con L’Affaire Marcorelle (O asunto Marcorelle), de Serge Le Péron. O martes 15 será a vez de Pierre Salvadori, coa súa película Les marchands de sable (Os vendedores de area).

Scènes de crimes (Escenas de crimes), de Frédéric Schoendoerffer, proxectarase o día 16. O día 17 poderase ver Le poulpe (O polbo), de Guillaume Nicloux. L. 627 (Lei 627) é o filme programado para o 21 de febreiro. Para o día 22 está prevista a proxección de Inspecteur Lavandin (Inspector Lavandin), de Claude Chabrol. O ciclo continuará o 23 de febreiro con Vivement dimanche (Que chegue pronto o domingo), de François Truffaut, e finalizará con Garde à vue (Detención provisional), do director Claude Miller.