Escoitar

Máis de 100.000 persoas participaron ata agora nas actividades programadas con motivo das Festas do Cristo da Victoria

O ciclo de concertos celebrados ata a data no auditorio de Castrelos continúa sendo a actividade máis aclamada polos vigueses. Dende o pasado 19 de xullo Castrelos acolleu a un total de 80.000 persoas, superándose, tal e como se agardaba, tódalas expectativas.

venres, 30 xul 2004
1091182316festas.jpg
Máis de 100.000 persoas asistiron ou participaron, ata o momento, nas actividades programadas dende o Concello con motivo das Festas do Cristo da Victoria 2004.

O ciclo de concertos en Castrelos, que arrancou o pasado 19 de xullo, foi o máis aclamado, acollendo a un total de 80.000 fans. As actuacións de Bebo e Chucho Valdés, contaron cun aforo total de 22.000 persoas, seguidos pola cantante portuguesa Dulce Pontes, que albergou a 20.000 amantes do fado. A mesma cifra acadouse no concerto de Mago de Oz, sendo de 12.000 para Blondie e de 3.000 para Manuel Sirera e Israel Cachao, respectivamente.

Dende a organización, asimesmo, destácase o cheo absoluto dos últimos concertos do Festival Internacional "Para Vigo me voy", que organiza o Concello e que se despide hoxe de Castrelos coas actuacións do venezolano Carlos Baute e do arxentino Coti.

Un Festival municipal que, como cada ano, mantivo a calidade na súa programación, tentando de novo de xuntar unha mostra de propostas artísticas procedentes de ambas beiras do océano Atlántico. Gracias a este propósito superáronse tódalas expectativas, chegando a incrementarse o número de cadeiras na zona de pago para acoller a un público atraído pola variada oferta musical.

Por outra banda, 7.000 persoas asistiron ás actuacións programadas dentro do V Verán de Teatro,sendo un total de 4.000 as que participaron no Festival Folclórico Internacional.

Os concertos do Ciclo de Corais celebrados ata a data foron presenciados por 1.000 persoas,2.000 participaron nas actividades programadas para os máis cativos, e 1.500 asistiron ao concerto ofrecido pola Coral Casablanca.

Un total de 2.000 persoas acudiron aos concertos do Ciclo de Bandas Populares celebrados ata o momento, 1.400 ao XoveVigo e 150 participaron no Maratón Fotográfico. Outra das actividades con maior aforo foi a Festa do Mexilón celebrada o pasado domingo, á que asistiron un total de 5.000 persoas.
Descargar todas as imaxes