Escoitar

Castrelos celebrará o vindeiro domingo o 33 cumpreanos do gaiteiro Carlos Núñez cun concerto de excepción

Carlos Núñez, o gaiteiro galego máis universal, ofrecerá o domingo ás 21.30 horas no Auditorio de Castrelos, un espectacular concerto organizado con motivo do Xacobeo 2004. O artista, que cumpre anos ese mesmo día, estará acompañado no escenario por moitos amigos do mundo da música. A entrada será libre.

venres, 16 xul 2004
1089979733carlos2.jpg
O Auditorio de Castrelos garda para Carlos Núñez un recordo moi especial, xa que foi alí onde o gaiteiro debutou no ano 1984 con só trece anos de idade e onde coñeceu aos seus mestres, "The Chiftains".

Pero non só o lugar elixido para este concerto é simbólico, senón que tamén o é a data. E é que Núñez celebrará o domingo o seu 33 cumpreanos sobre o escenario de Castrelos.

A Vigo, chegará acompañado de moitos amigos e artistas entre os que se atopan os míticos "The Chieftains", a banda de gaiteiros escoceses "The National Youth Pipe Band of Scotland", e a arcodeonista irlandesa Sharon Shannon. No espectáculo tamén participarán a famosa bailarina Cara Butler, integrante de "Riverdance" e o dúo canadiense "Pilatzkes". Entre os artistas galegos convidados destaca a presencia de Cristina Castaño, coñecida actriz que fará gala das súas cualidades como intérprete, a Banda de Gaitas de Cea e Wenceslao Cabezas "Polo".

O concerto será transmitido en directo pola TVG no marco dos "Concertos das Estrelas" organizados con motivo do Xacobeo 2004. O despregue de medios técnicos sorprenderá aos presentes. As dimensións do escenario serán de vinte por dezaoito metros, estará iluminado nada menos que por 200.000 vatios de luz e apoiado por 50.000 vatios de son. Ademáis, contará con asentos para o público e cos servicios necesarios para o desenvolvemento da gala.

E como novidade, Núñez estreará sobre o escenario a súa colaboración na banda sonora do filme "Mar Adentro", de Alejandro Amenábar.
Descargar todas as imaxes