Escoitar

Abrese a exposición "Castrelos inédito"

"Castrelos Inédito. Obras na reserva do museo municipal de Vigo 1950-2000" é a exposición que dende o 9 de marzo ó 11 de abril poderase visitar na Casa das Artes.

luns, 8 mar 2004
Esta exposición, primeira dunha serie de dúas, pretende dar a coñecer ó público as obras de arte do museo municipal "Quiñones de León" menos coñecidas por atoparse nas salas de reserva do museo ou depositadas como préstamo a outras institucións viguesas. A selección foi realizada polos especialistas en arte e no museo de Castrelos, o pintor Antonio Quesada e o crítico Francisco Pablos .

Nesta primeira exposición presentase máis de 100 obras de arte, tanto pintura como escultura, producidas en Galicia durante a segunda metade do século XX. Poderanse ver pezas dunha amplísima nómina de artistas. Estas obras proceden do propio museo municipal de Castrelos, do Concello, e dos depósitos do Marco, da Universidade de Vigo, da Fundación Provigo e do Instituto Santa Irene.

A segunda exposición abranguerá a formación da pinacoteca cos autores máis representativos na primeira metade do século XX en Galicia.