Escoitar

Concello , Zona Franca e Xunta investirán 30 millóns de euros en adquirir e rehabilitar inmobles na zona vella da cidade

Un total de 30 millóns de euros serán investidos na rehabilitación da zona vella de Vigo pola Xunta de Galicia, a Zona Franca e o Concello de Vigo, segundo recolle o convenio aprobado hoxe pola Xunta de Goberno Local na súa reunión semanal.

luns, 8 mar 2004
Os fondos necesarios para esta actuación serán achegados pola Consellería de Política Territorial a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (12 millóns de euros), a Zona Franca (15 millóns de euros) e o Concello de Vigo (3 millóns de euros) en anualidades distribuídas entre 2004 e 2008.

O obxectivo do convenio é a adquisición de terreos, a adquisición e rehabilitación de inmobles e a rehabilitación e mellora do medio urbano na área de rehabilitación integrada da zona vella de Vigo, coincidente coa delimitación do PEPRI (Plan Especial de Protección e Reforma Interior). Para a execución do convenio as tres partes asinantes poderán constituír unha empresa pública que execute a adquisición e rehabilitación dos inmobles seleccionados.

Así mesmo, o convenio establece a necesidade de elaborar un estudio para determina-las unidades edificatorias sobre as que actuar. O dito informe, que o IGVS prevé realizar unha vez que sexa asinado o convenio, incluirá unha relación dos edificios susceptibles de adquisición, así como a valoración do custo de adquisición, custo estimado da rehabilitación, redacción de proxectos, licencias e permisos.

A adquisición dos edificios realizarase por mutuo acordo cos seus propietarios ou, de ser necesario, por expropiación forzosa. Neste sentido, o convenio establece que será o Concello de Vigo o organismo encargado da tramitación dos expedientes expropiatorios.

Unha vez adquiridos e rehabilitados os edificios da zona vella de Vigo, serán asignados a cada un dos tres asinantes do convenio, respectando a proporción de participación de cada un no financiamento. Con carácter xeral os edificios con destino a vivenda serán asignados ó Instituto Galego da Vivenda e Solo e os destinados a outros usos ó Consorcio da Zona Franca e ó Concello de Vigo.

As vivendas propiedade do IGVS destinaranse preferentemente a menores de 35 anos en réxime de alugueiro.