Escoitar

Caballero anuncia a continuación do Plan Barrios que xa mellorou a eficiencia enerxética de 400 vivendas

O alcalde visitou esta mañá os edificios dos número 2, 4 e 6 da rúa Bueu, no Barrio de Coia que, cun investimento de 550.000 euros, foron rehabilitados dentro do Plan Barrios do Concello de Vigo para realizar obras de mellora en eficiencia enerxética. “Isto é parte do programa de vivenda desde o Concello de Vigo co Goberno de España”, recalcou.

luns, 4 mai 2026

Caballero tivo a oportunidade de ver a transformación na calidade de vida das 34 vivendas dos tres edificios construídos na década dos anos 70 do século pasado como consecuencia da instalación de novos tellados, fachadas, ascensores, escaleiras e portais, realizadas coas subvencións do Plan Barrios do Concello de Vigo.

Con máis de 400 vivendas xa rehabilitadas, o Concello de Vigo mantén a actuación en 12 barrios da cidade cun programa dotado con 6,5 millóns de euros de fondos europeos achegados polo Goberno de España.

O alcalde lembrou que nestes momentos seis edificios do Barrio de Coia son obxecto de obras de rehabilitación, alcanzando as 150 vivendas. As persoas propietarias de vivendas do edificio do número 4 da rúa Bueu reciben unha subvención do 86 por cento do orzamento da obra, no número 2 o 68 por cento e no número 6 o 56 por cento.

Dentro do Plan Barrios o Concello rehabilita edificios en Coia, San Roque, o Casco Vello, Bouzas, Santa Clara, Beiramar, A Salgueira, O Gorxal, Alcalde Lavadores, San Pablo, Canicouva e Escolas Públicas. “Esta forma de actuar permite que vivendas con problemas de eficiencia enerxética se transformen”, recalcou o rexedor.

Caballero asegurou que o Concello continuará utilizando as axudas de rehabilitación e de eficiencia enerxética para facer que mellore "de forma substancial a vida de numerosas persoas”.

Descargar todas as imaxes