A Brincadeira levará a música a todo Bouzas e contará con 140 postos de artesanía e gastronomía
“Será unha festa magnífica”, avanzou o alcalde este luns ao dar conta en rolda de prensa dos actos principais do programa que comeza este venres pola tarde, e que se celebrará ata o domingo 10 de maio cunha viaxe ao 1809 a través de representacións históricas, música, traxes de época, oficios e tradicións.
Bouzas regresa a 1809 esta fin de semana e transforma as súas rúas nun espazo vivo que recorda os momentos da liberación das tropas napoleónicas, rememorando así a súa historia, as súas tradicións e os oficios de primeiros do século XIX.
Abel Caballero presentou este luns a programación da décimo oitava edición da Brincadeira de Bouzas xunto a Vanesa Domínguez, presidenta da Asociación de Amigos da Historia de Bouzas; e María Lago, concelleira de Turismo. Valorou o rexedor que “ao longo destes dezaoito anos, a Brincadeira foi quen de converterse nunha referencia tan importante” e felicitou á organización por seren capaces de “recuperar unha tradición e un modo de captar visitantes a Bouzas a través desta festa”, lembrando que esta celebración histórica é un dos elementos centrais do Plan de Sostibilidade Turística "Casco histórico da Vila de Bouzas", co que o Concello captou 2 millóns de euros de fondos Next Generations EU do Goberno de España.
A XVIII Brincadeira de Bouzas será máis participativa e inclusiva e unha das novidades desta edición é que os grupos de animación e música percorrerán todo Bouzas, creando ambiente de forma continuada e dinámica. Haberá máis de 40 actuacións ao longo da fin de semana e 140 postos de artesanía e gastronomía tradicional en diferentes zonas:
- Zona da Igrexa, na Praia do Adro: espazo para o goce familiar, que contará cun taller infantil e un espazo para a divulgación de oficios tradicionais: cesteiro, tallador de vidro, creador de instrumentos musicais, zoqueiro, artesán de pedra.
- A Alameda que se transforma na Alameda dos aprendices: un espazo de 70 metros cadrados dedicado a xogos tradicionais e talleres participativos de escritura tradicional, olería, tapicería, pintura, cuñaxe de moeda, lacrado…
- O escenario principal na praia onde se realizará a representación histórica sobre o papel de Bouzas e Vigo na expulsión das tropas francesas de Napoleón. Realizarase en dúas partes, o primeiro acto o sábado e o segundo o domingo ás 18.30 horas, cunha duración de 40 minutos cada acto. Para Caballero, “enfatizamos pouco que a primeira derrota de Napoleón, que conquistou toda Europa, foi aquí, en Vigo”.
No programa destaca tamén a IV edición do Concurso de Traxes de Época, que terá lugar o domingo na contorna da Igrexa ás 13 horas con premios para os 3 mellores grupos e os 2 mellores participantes individuais.
A organización habilitou novos espazos con mesas e bancos de madeira para mellorar a experiencia das persoas asistentes. Ademais, haberá actividades inclusivas: o venres pola tarde desenvolveranse xogos adaptados para persoas con mobilidade reducida e, co fin de fomentar a participación interxeracional, realizarase un taller para nenas e nenos, dispoñible ata as 20 horas.
“Será unha festa magnífica e convidamos a todo Vigo a que veñan a Bouzas a gozar dunha festa de época excepcional”, salientou o alcalde.