Escoitar

A Ordenanza das ZBE limita a circulación garantindo o acceso dos vehículos

O proxecto de ordenanza regula ata 20 excepcións nas que os vehículos terán permitido o acceso, circulación e estacionamento dentro das Zonas de Baixas Emisións. “En Vigo non obrigamos a que ninguén cambie de vehículo. O que facemos é evitar o tránsito, pero o acceso está garantido”, manifestou Abel Caballero.

luns, 4 mai 2026

A Xunta de Goberno deu luz verde ao proxecto de Ordenanza para as Zonas de Baixas Emisión de Vigo. Estas áreas delimitadas – Centro, Praza Portugal, Bouzas e O Calvario – “xa teñen restricións ao tráfico, na súa maioría semipeonís e peonís”.

“No obrigamos en ningún caso a que ninguén teña que cambiar de vehículo”, asegurou o alcalde, xa que a futura Ordenanza conta con excepcións para o acceso, circulación e estacionamento nas ZBE. Así, detallou que estarán permitidos os vehículos domiciliados nalgunha das zonas de baixas emisións no Rexistro de Vehículos da DXT e que figuren de alta no padrón do imposto de vehículos de tracción mecánica; os vehículos dos que dispoñan as persoas empadroadas nalgunha das zonas de baixas emisións; os vehículos adscritos a unha actividade económica que indiquen as empresas e persoas autónomas cuxa actividade se exerza nun local dalgunha das zonas de baixas emisións; os vehículos destinados ao transporte de persoas titulares do distintivo de estacionamento para persoas con mobilidade reducida; os vehículos adscritos aos servizos públicos esenciais, como policía, bombeiros, Protección Civil, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado ou servizos sanitarios; as motos, ciclomotores e vehículos de tres rodas de 7:00 a 22:00 horas, os vehículos de mobilidade persoal, como os patinetes; os vehículos que teñan a condición legal de históricos; os vehículos das administracións públicas e contratistas que presten servizos como transporte colectivo, limpeza, recollida de residuos, mantemento de vías públicas e zonas verdes; os vehículos industriais debidamente rotulados e identificados das empresas e dos seus contratistas que presten servizos de urxencia na vía pública para a subministración de auga, gas, electricidade ou telecomunicacións; os autobuses que dean servizo aos establecementos ou institucións situados na zona de baixas emisións, os taxis, os vehículos de turismo de arrendamento con condutor; os vehículos de empresas e profesionais que presten servizos ou entreguen e recollan subministracións; os vehículos que dispoñan de prazas de aparcadoiro de particulares; os vehículos que accedan aos talleres de reparación de vehículos; os vehículos necesarios para a realización de ocupacións e actos na vía pública autorizados polo Concello; os vehículos que accedan ás zonas de baixas emisións para acceder a servizos públicos de saúde ou para deixar e recoller alumnado de educación infantil, primaria e secundaria cando as súas necesidades así o esixan; os vehículos de persoas traballadoras en establecementos das zonas de baixas emisións con horario nocturno cando o horario de entrada e saída do lugar de traballo estea comprendido entre as 00:00 e as 7:30 horas; os restantes vehículos, unicamente para estacionar nun aparcadoiro de uso público ou privado, nunha zona de estacionamento limitado e controlado en superficie mediante parquímetros, ou por reserva de estacionamento, situados no interior das zonas de baixas emisións. Amais, o Goberno local incorporou as alegacións relativas ao horario de carga e descarga, que se axusta aos establecidos na vixente Ordenanza.

“O que facemos é evitar o tránsito, pero o acceso está garantido”, asegurou Caballero. Tamén explicou que o establecemento das Zonas de Baixas Emisións estrutúrase en tres fases, cunha duración de dous anos as dúas primeiras e unha terceira que xa será indefinida.

Segundo informou, a primeira fase comezará o día da entrada en vigor da Ordenanza e aplicarase só a vehículos sen distintivo ambiental. A segunda fase suma aos vehículos B e a terceira tamén aos C. “Unha vez entre en vigor a ordenanza imos a enviar ás persoas titulares dos vehículos detectados nas ZBE de forma indebida unha comunicación de carácter informativo para que sexan coñecedores da norma. En suma, durante un tempo non haberá sancións, senón que se notificará que non poden estar nese ámbito”, advertiu o alcalde.

O proxecto das Zonas de Baixas Emisións de Vigo foi cofinanciado cos fondos europeos Next Generation EU que o Goberno de España outorgou a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O importe total é de 5.452.100 euros.

Descargar todas as imaxes