Escoitar

O Concello proxecta parques, ascensores e unha integración urbana na súa actuación na AP-9

O alcalde achegouse ata o tramo final da autoestrada, onde puxo en valor o protocolo asinado co Ministerio de Transportes para a humanización da AP-9 desde Redondela ata a entrada na cidade. O Concello actuará no tramo entre Isaac Peral e Alfonso XIII, “cunha proposta que o anteproxecto e o proxecto definirán”.

martes, 14 abr 2026

A intervención pretende converter a infraestrutura actual nun espazo integrado e habitable, mantendo a fluidez do tráfico pero priorizando o uso para a cidadanía.

Abel Caballero destacou a necesidade desta obra debido ao impacto histórico da AP-9: "A autoestrada é un medio de comunicación marabilloso porque nos deixa no centro de Vigo, pero ten o inconveniente de que rompe Vigo. Imos seguir transformando a cidade. Imos recuperar e restañar todas as feridas do pasado”, afirmou.

O alcalde percorreu a zona acompañado da primeira tenente de Alcaldía, Carmela Silva, e da cuarta tenente de Alcaldía e concelleira de Urbanismo, María José Caride. Caballero explicou que entre as solucións propostas destacan as cubricións da autoestrada en tramos de entre 100 e 200 metros, sobre as cales se crearán parques públicos. Para resolver os problemas de desnivel e unir ambas as zonas, o proxecto integrará o Vigo Vertical mediante a instalación de ascensores que conectarán a parte baixa e alta da cidade.

Outras das accións que se están a estudar é a creación dunha pista de skate próxima a Alfonso XIII. Haberá zonas de descanso, zonas verdes e unha rúa que conectará Travesía de Escolas Públicas co HALO, e que seguirá ata Isaac Peral. Amais, o proxecto inclúe a zona como área de rehabilitación enerxética.

Descargar todas as imaxes