A Coral Casablanca actuará en Castrelos o 18 de xullo
O cartel de concertos de Castrelos 2026 continúa aumentando, desta vez coa confirmación do tradicional concerto da Coral Casablanca. Abel Caballero achegouse ata un dos seus ensaios para desvelarlle a data da actuación.
O rexedor vigués anunciou esta mañá que o concerto tradicional da Coral Casablanca terá lugar o vindeiro sábado 18 de xullo. Trátase dunha actuación que cada verán forma parte do Vigo en Festas, enchendo a platea do Auditorio de Castrelos.
A Coral Casablanca fundouse no 1957 no Convento dos Pais Capuchinos do barrio vigués co mesmo nome. É a máis laureada de Galicia e a máis antiga en activo da cidade. O coro ten sido premiado e recoñecido nunha vintena de ocasións e ten actuado en Galicia, Portugal, Asturias, Euskadi, Aragón, Castela e León, Canarias, Cataluña, Madrid, Bélxica, Francia e Alemaña.
Cabe destacar os concertos que ofreceu no Palau da Música de Barcelona, a Catedral de Bruxelas con motivo da Europalia 85, o Teatro Comunale de Estrasburgo, a Catedral de L’Orient, así como outros tantos escenarios de toda España.
Concertos Castrelos 2026:
- Deep Purple – 2 de xullo
- Coral Casablanca – 18 de xullo
- Ópera Carmen – 24 de xullo
- Chayanne – 30 de xullo
- Noites de Zarzuela – 1 de agosto
- The Corrs – 11 de agosto
- Viva Suecia – 14 de agosto
- Iván Ferreiro – 15 de agosto