O Concello amplía dúas semanas a exposición de Barreiro na Casa das Artes
Poderase visitar ata o 10 de maio a exposición “Vigo. Luz e cor” de José María Barreiro, que se exhibe na planta baixa da Casa das Artes desde o 19 de febreiro.
Abel Caballero anunciou este venres que a mostra de Barreiro non se clausurará o venres 24 de abril, como inicialmente estaba programado, en resposta ao "éxito excepcional" alcanzado pola exposición na Casa das Artes das creacións "dun dos grandes pintores da historia de Galicia".
"Vigo. Luz e cor" recolle todo o universo creativo do artista e deixa patente o papel fundamental da cidade de Vigo na obra dun artista en estreita relación con grandes referentes pictóricos galegos como Laxeiro e Lugrís.
O alcalde chama á cidadanía de Vigo a seguir gozando “dunha exposición marabillosa, do mellor que se fixo na historia desta cidade ".
Subvencións
A Xunta de Goberno aprobou esta mañá as subvencións á Coral Casablanca, á Asociación Orquestra Vigo 430 e á Asociación Cine Clube Lumiére por valor de 202.500 euros para as actividades organizadas ao longo de 2026. "Seguimos apoiando toda a cultura da cidade", recalcou o alcalde.
Caballero explicou que a Coral Casablanca conta cunha axuda de 42.500 euros para o programa de 13 concertos e 281 ensaios de todas as agrupacións. No caso da Orquestra 430, o Concello apoia con 150.000 euros a organización de seis concertos, ademais do II Festival Internacional de Música de Cámara de Vigo, que contará con catro actuacións desde o 19 de setembro ao 17 de outubro deste ano.
O Cine Clube Lumiére recibe 10.000 euros para os tres ciclos de cine organizados no Auditorio Municipal: “Arxentina, miradas de amor, humor e dor”, “Roberto, décadas de lucidez” e “América, soños e vixilias”.