O programa cultural "Vente con Nós" espalla música, danza e teatro por toda a cidade durante oito meses
Abel Caballero presentou esta mañá, con representantes das 32 entidades que forman parte da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais, a nova edición do “Vente con Nós”. O programa desprega ata o mes de outubro unha ampla oferta de música, baile, danza e teatro, en barrios, parroquias, asociaciones veciñais e colectivos culturais de toda a cidade.
"Estamos ante unha gran mobilización cultural de toda a cidade”, afirmou ou alcalde ao presentar a nova edición do programa “Vente con Nós” no que participan, desde o mes de marzo e ata outubro, 24 grupos de baile folclórico; 23 formacións de música tradicional e popular; 33 conxuntos de pandeireteiras; 9 grupos de teatro afeccionado e 6 grupos de baile moderno.
O Concello achega 100.000 euros para facilitar as actuacións das entidades viguesas que organiza a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais.
Iniciativa
O programa “Vente con Nós” inclúe catro festivais de folclore galego:
- 19 de abril no Centro Veciñal de San Miguel de Oia
- 23 de maio no Centro Cívico de Teis.
- 20 de setembro na Asociación Monte da Mina.
- 11 de outubro en Lavadores.
Entre as seis liñas de actuación programadas, atópase a celebración do Día Internacional da Danza, o 29 de abril, que contará coa actuación simultánea de 19 grupos de baile en Príncipe, Bouzas, Navia, a peonil do Calvario e a Praza do Emigrante en Travesas.
As persoas amantes do baile moderno gozarán, os días 4 e 5 de xuño, con senllas sesións de danza no Teatro Salesianos. Participarán 500 intérpretes.
As bandas de gaitas, pandeireteiras e os grupos de baile tradicional actuarán por toda a cidade dentro do circuíto "Vente con Nós".
O Día Mundial do Teatro contou en marzo cunha representación en Valladares.
Novidades
O alcalde avanzou aos representantes das agrupacións a súa “ambición” de que a “gran mobilización cultural” que representa o programa “Vente con Nós” aumente a súa proxección e “visibilidade” en toda a cidade coa organización dunha iniciativa de catro días de duración. “Temos un proxecto en marcha para que igual que a cidade se mobiliza ao redor de Castrelos, sexamos capaces de mobilizala ao redor da Agrupación de Centro Deportivos e Culturais”. Incidiu en que “quero abrir a máis importante expectativa e que isto sexa un segundo Castrelos pola multitudinaria mobilización na cidade”.