Escoitar

O XVIII Galiexpo Motorshow sitúa a Vigo como unha das grandes capitais do sector

Abel Caballero, David Regades e a organización avanzaron as novidades desta edición, que se celebra no IFEVI do 24 ao 26 de abril, co obxectivo de superar os 25.000 espectadores e como único salón de motorshow da península.

mércores, 8 abr 2026
Foto de familia logo da presentación do XVIII Galiexpo Motorshow
Foto de familia logo da presentación do XVIII Galiexpo Motorshow

O alcalde participou este mércores na presentación do XVIII Galiexpo Motorshow que reunirá no IFEVI a un amplo espectro do sector con superdeportivos, clásicos e motos ou furgo-camper e que afianza a Vigo como o único salón de motorshow da península. 50.000 metros de salón que acollerán a 100 empresas e profesionais de distintos países europeos. “É a crónica dunha iniciativa de éxito; unha das grandes accións que se realizan na cidade. A deste ano será a mellor edición que se fixo nunca”, asegurou Caballero.

Na presentación estiveron David Regades, delegado do Estado en Zona Franca, entidade colaboradora do evento desde os seus inicios e tres dos organizadores: Ricardo Goñi, Agustín Salinas e Joaquín Portabales, quen agradeceu o apoio do alcalde e de Zona Franca ao evento cualificando ao Concello como “a pedra angular de Galiexpo Motor Show”. Tamén participaron Arsenio Prieto, xerente do IFEVI, José María Rodríguez, director xeral do Grupo Recalvi; Amalia Pérez, directora comercial do Grupo ABC Inmobiliaria; Salvador García; director de emisións do Grupo Radio Vigo E Ángeles Álvarez, xerente de Cimalab.

Do 24 ao 26 de abril o XVIII Galiexpo Moto ofrece unha programación ampla coa recuperación das actividades no exterior do recinto feiral, espectáculos de drift indoor con pilotos profesionais, derrapaxes controladas e manobras extremas; concentracións de coches e motos; conferencias (Ángel Gaitán, Fernando Vega de Seoane, populares en redes sociais e membros do equipo Recalvi Team, cos pluricampións de España de Rallys José Antonio “Cohete” e Jorge Cagiao); así como actuacións musicais. Haberá zona de virtual gaming, presentacións das últimas novidades das empresas do mundo da preparación e do motorsport así como ludoteca gratuíta para os máis pequenos. A feira mantén o seu espírito familiar facilitando a entrada gratuíta aos nenos de ata 7 anos e de 10 euros de ata 12 anos (5 no Drift).

Zona Franca colabora na organización da I Xornada Profesional da Automoción, á que xa confirmaron a súa asistencia o director xeneral da Federación Internacional de Automobilismo (FIA), Alberto Villareal, e o director xeneral de Kia Iberia, Eduardo Divar.

Amaia Galiexpo Motorshow afianza a súa colaboración con organizacións sen ánimo de lucro e este ano, amais de doar unha parte da entrada das exhibicións de Drift a Médicos sen Fronteiras, convida a 89 asociacións a visitar o salón.

 

Descargar todas as imaxes