Caballero reclama ao Sergas que restableza a poboación de referencia da área sanitaria de Vigo, rebaixada en 2013
Abel Caballero expresou este martes o seu apoio á reclamación que o Servizo de Cirurxía Cardíaca de Hospital Álvaro Cunqueiro fai á Xunta para que restableza a poboación de referencia da área sanitaria de Vigo, rebaixada en 2013 en 300.000 pacientes que foron desviados a Santiago.
O alcalde reclamou esta mañá á Xunta de Galicia que repoña a poboación de referencia da área sanitaria de Vigo, que se rebaixou no ano 2013, para que o Hospital Álvaro Cunqueiro sexa de novo o centro de referencia dos pacientes de cirurxía cardíaca. Expresou así o seu apoio á reclamación dos especialistas do Servizo de Cirurxía Cardíaca do Hospital Álvaro Cunqueiro para recuperar os pacientes que desde hai doce anos son intervidos cirurxicamente en Santiago logo de que o Sergas rebaixara a poboación asistencial asignada, desviando uns 300.000 potenciais pacientes das áreas de Pontevedra e o Salnés que ata ese momento eran atendidos en Vigo.
Caballero remarcou que, na actualidade, o prazo e a lista de espera para unha operación cardíaca no hospital de Vigo é menor que a de Santiago polo que os pacientes desviados están en "peores condicións" e que Vigo conta con”especialistas excepcionais” polo que non se entende que "quitaran eses pacientes a Vigo", censurando os "privilexios feudais" que a Xunta mantén a Santiago de Compostela coa facultade de Medicina e o servizo de cirurxía cardíaca.