Escoitar

Vigo celebra o Día do Libro con tres xornadas de actividades e homenaxe a Domingo Villar

O alcalde presentou este luns a programación do centenario do Día do Libro que inclúe lecturas públicas, encontros con escolares ou faladoiros con narradores e poetas.

luns, 13 abr 2026
Momento da presentación en rolda de prensa
Momento da presentación en rolda de prensa

“Queremos que o Día do Libro sirva para que a cidade de Vigo viva con nós a homenaxe a Domingo Villar e ao libro”, avanzou Abel Caballero, ao dar conta do programa deste ano 2026 xunto a Carmela Silva, primeira tenente de alcalde; Gorka Gómez, concelleiro de Cultura; Silvia Penas, poetisa e Francisco Castro, coordinador das actividades, escritor, editor e músico.

O Concello celebra o Día do Libro con tres xornadas de actividades para tódolos públicos os días 23, 24 e 25 de abril nas que haberá encontros con escolares, faladoiros con narradores e poetas, ilustración en directo e lecturas públicas. “Preparamos un programa centrado en enxalzar a historia e a vida da literatura e da poesía na cidade” para lembrar a tradición editorial e literaria de Vigo desde o Rexurdimento ata ser o lugar onde resolve os seus casos o Leo Caldas das novelas de Domingo Villar.

Francisco Castro, coordinador da “ambiciosa” programación apuntou as tres ideas coas que se desenvolverán as tres xornadas: “reivindicar a capitalidade central de Vigo na literatura galega. Aquí comeza o Rexurdimento e empeza na imprenta de Juan Compañel; aquí están as principais editoriais do noso país e Vigo é unha das cidades máis importantes na literatura negra”.

Silvia Penas, poetisa que tamén participará nas actividades, agradeceu o “lugar central que o programa lle concede á poesía, que é un dos xéneros que máis se traballa na cidade de Vigo”.

Programación

- Xoves 23: encontro de escolares na Praza de Compostela (11:30h), ante a escultura de Domingo Villar. Alumnado de 6º de Primaria que lerá textos. Pola tarde, a partir das 17:30 horas, lectura pública diante da escultura de Domingo Villar, nun acto non que soará a música da agrupación Son das Flores.

- Venres 24: 19.30 horas, na Biblioteca Neira Vilas: Contos Dakí, unha sesión especial de contos para público adulto con Cris de Caldas, que presenta ou seu espectáculo “De amor, sexo e morte”.

Ás 20:00 horas na Casa Galega da Cultura: Faladoiro de narradoras e narradores “Por que escribimos? Por que lemos? Por que amamos os libros?”. Participan Pedro Feijóo, Guada Guerra e An Alfaya e modera Francisco Castro. Durante o acto, a ilustradora Kristina Sabaite realizará unha obra pictórica diante do público.

- Sábado 25, 12:00h, Casa Galega da Cultura: Faladoiro de poetas “Escribir poesía, ler poesía, ser poetas”. Participan Silvia Penas, Samuel Merino e Román Raña. Modera: Xina Vega.

 

Momento da presentación en rolda de prensa
Descargar todas as imaxes