Escoitar

O Goberno local protexerá os restos da muralla aparecidos na rúa Laxe

As catas realizadas ante a inminente humanización da rúa Laxe veñen de localizar novos restos da muralla de Vigo. Sen paralizar a obra, o Concello procederá a protexer estes achados porque "non podemos renunciar a unha parte tan importante da nosa historia”.

martes, 14 abr 2026

Abel Caballero anunciou esta mañá a aparición de restos da muralla de Vigo na zona da rúa Laxe na que se están a realizar catas arqueolóxicas para a humanización da vía e a rehabilitación dos baixos da rúa Carral. Explicou que o Concello procederá a protexer estes achados para seguir avanzando no coñecemento da estrutura da fortificación sen necesidade de parar a obra. O alcalde avanzou que o Concello buscará un mecanismo que permita deixar estes restos á vista porque “non podemos renunciar a unha parte tan importante da nosa historia”.

Os achados arqueolóxicos apareceron á altura do cruce da rúa Laxe con Travesía do Cónsul. Trátase dun tramo de muralla de 2 metros de lonxitude e un ancho de 80 centímetros que tería continuidade baixo a beirarrúa dirección Carral. O tramo ten dirección norte- sur e sería a mesma muralla que está tapada na ventá arqueolóxica situada ao final da rúa Carral e da que a separan 18 metros. Segundo os expertos, a fortificación diríxese cara o sur para chegar ao Baluarte de Gamboa, unha das portas da muralla de Vigo máis significadas porque foi a que usou a veciñanza para entrar no recinto amurallado e expulsar ao exército francés.

Descargar todas as imaxes