Escoitar

Samil acolle o 30 de maio o desfile do Día das Forzas Armadas presidido polos Reis

“Vigo incorpórase vitalmente ao Día das Forzas Armadas”. É a mensaxe que trasladou esta mañá Abel Caballero ao xefe do Estado Maior da Defensa, Teodoro Esteban López Calderón, no acto de presentación do programa que se despregará na cidade do 26 ao 31 de maio. A celebración contará con exhibicións, unha revista naval, música e o desfile aéreo.

martes, 14 abr 2026

O alcalde incidiu en que os actos que se desenvolverán en Vigo durante seis días facilitarán o contacto e a implicación da cidadanía cunhas Forzas Armadas de España que contan “cunha capacidade tecnolóxica e profesional extraordinaria”.

O xefe do Estado Maior da Defensa explicou que o obxectivo da celebración do Día das Forzas Armadas é dar a coñecer á cidadanía o traballo que os militares, incluídos a Garda Civil, realiza dentro e fóra de España, “o noso labor permanente de vixilancia e protección do territorio e espazos de soberanía e interese nacional, así como de defensa da paz e da liberdade no mundo”. Tamén agradeceu a cooperación e disposición do Concello de Vigo para acoller estas celebracións, e destacou que "non houbo suxestión ou aspecto que non se resolvese con carácter inmediato".

Entre o desfile terrestre e o aéreo que se desenvolverá o vindeiro 30 de maio participarán máis de 3.200 persoas; na Revista Naval e exhibición do día anterior participará uns 1.395 efectivos; e no encontro de unidades musicais haberá case 300 participantes.

Ademáis das actividades en Vigo, Galicia acollerá outra trintena de actos con motivo do Día das Forzas Armadas. As celebracións estenderanse por toda a xeografía española, así como por outros países onde hai despregados militares españois.

Programa

A Avenida de Samil será o escenario, a partir das 12.00 horas, do acto central o sábado 30 de maio: o desfile terrestre e aéreo que estará presidido polas súas maxestades os Reis de España, Felipe VI e Letizia Ortiz.

Do 26 ao 31, a Avenida de Beiramar acollerá unha exposición de material militar.

O mércores 27 de maio, a partir das 19:15 horas, desenvolverase unha exhibición de persoal e de material na pista de atletismo anexa do Estadio de Balaídos.

O xoves 28 a Porta do Sol acolle, a partir de 19:15, un encontro de músicas militares. Previamente haberá un pasacalles de todas as unidades de música participantes polas rúas contiguas á praza.

O venres 29 de maio o Rei Felipe VI preside, a partir das 15:30 horas, a revista naval, coa participación de buques da Armada e da Garda Civil na ría. Pola tarde, ás 17:15 horas en Samil, comezará unha exhibición de persoal e material, que conta cunha exhibición ecuestre e de guías caninos.

Descargar todas as imaxes