VigoCultura regresará o 30 de xaneiro con 27 novos espectáculos
O alcalde informou de que haberá dous espectáculos de rúa para dar o pistoletazo de saída a toda a programación do primeiro semestre de VigoCultura. O Auditorio Municipal acollerá dúas estreas e una representación teatral internacional.
A programación inclúe un total de 27 espectáculos, dos cales 2 son de rúa, 16 están dirixidos ao público adulto e 9 ao público infantil e familiar. As propostas inclúen múltiples disciplinas artísticas, como comedia, monólogos, teatro clásico e contemporáneo, danza, circo e maxia.
Como é habitual, a programación arrincará con dous grandes espectáculos de rúa, que terán lugar na Porta do Sol e na rúa Príncipe. O primeiro deles será CARMAN, un sorprendente espectáculo no que un Seat 600 cobra vida e remata circulando sen condutor ao ritmo da música e do circo. Terá lugar o venres 30 de xaneiro ás 19.00 horas.
O sábado 31 de xaneiro, tamén ás 19.00 horas, celebrarase o pasarrúas “O mundo do circo”, con saída desde o MARCO. Un circo ambulante percorrerá a rúa Príncipe interactuando co público a través da música, o ritmo, o humor e a diversión.
A partir desa fin de semana, a programación trasladarase ao Auditorio Municipal, onde o 1 de febreiro dará comezo a temporada coa obra “Los Yugoslavos”, cun elenco encabezado por Javier Gutiérrez. No apartado de novidades, a programación inclúe dúas estreas: “Brazaletes”, de Amorodio Teatro, e “Señores que din”, de Ste Xeito Produccións. Ademais, varias das obras estarán vinculadas a datas sinaladas do calendario, como o Día Internacional da Muller, o Día Mundial do Circo e o Día Internacional da Danza.
VigoCultura contará tamén cunha proposta internacional, a comedia “Rei Lear”, adaptación da traxedia de Shakespeare, a cargo da Companhia do Chapitó, procedente de Portugal.
“VigoCultura é un éxito excepcional, practicamente cheo todos os días no Auditorio Municipal”, concluíu Abel Caballero