Escoitar

A Papanoelada moteira percorrerá a cidade o sábado 27 de decembro

A tradicional cita do Nadal de Vigo cambia a data de celebración pola previsión de choiva para este sábado día 20. Nesta décimo quinta edición haberá dúas modalidades: papanoelada estática en Navia e a clásica, que discorre pola cidade.

mércores, 17 dec 2025

O alcalde animou á cidadanía a gozar un ano máis da Papanoelada que tingue de vermello as rúas viguesas cun percorrido que parte de Navia, fai parada na rúa Venezuela e remata en Navia pasando por Camelias e a Praza de América.

Tal e como explicou, a previsión meteorolóxica para este sábado 22 de decembro é “moi mala” polo que a cita solidaria adíase ao 27 de decembro, malia que a celebración de Papá Noel é antes pero “como vive en Vigo” pode facerse igual. Destacou a parte solidaria do evento, que recolle alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos.

José Ramón Santamaría, presidente do Banco de Alimentos, agradeceu á organización que conte coa súa entidade para doar os alimentos recollidos e animou ás motos participantes a colaborar depositando un quilo de comida.

Daniel Barboni, responsable de Motoclub Galicia e organizador, agradeceu ao Concello a colaboración e a tódalas persoas e entidades que se suman a esta iniciativa de forma solidaria. Lembrou a prohibición, por seguridade, de tirar caramelos durante o percorrido polas rúas viguesas, algo que queda reservado para a Papanoelada estática que se celebrará pola mañá en Navia, entre as 11 e as 15:45 horas.

Nesta décimo quinta edición, as motos que participen deberán acudir disfrazadas de Papá Noel e achegar alimentos non perecedoiros que poderán depositarse en diferentes puntos de recollida. O sábado 27 pola mañá, haberá papanoelada estática en Navia, na rúa Pedra Seixa, para entregar peluches, xoguetes e caramelos aos nenos. Pola tarde, ás 16 horas, empeza o roteiro solidario de papanoeles moteiros en dúas etapas:

- A 1ª etapa: Pedra Seixa, Ufas, Teixugueiras, Camiño do Caramuxo, Avenida Florida, Pai Seixas, Porriño, Avenida de Castelao – por túnel Praza América-, Gran vía ascendente e descendente, Venezuela, parada á altura de Salesianos

- A 2ª etapa: Avenida Camelias, Álvaro Cunqueiro, Camelias, Praza América -por túnel-, Avenida Castelao, Avenida Europa, Teixugueiras ata rúa das Ufas, rotonda do barco, Teixugueiras, Limpiño, Pedra Seixa e Poza Cabalo.

Ao finalizar, realizarase un sorteo de agasallos.

 

Descargar todas as imaxes