A Policía Local convida á cidadanía a coñecer o seu traballo
Este sábado, 20 de decembro, será xornada de portas abertas na Policía Local con actividades didácticas para nenas e nenos e exhibición dalgunhas das unidades do Corpo.
O alcalde avanzou que a xornada de portas abertas será este sábado nas instalacións municipais entre as 10 da mañá e as 14 horas. O obxectivo é achegar á cidadanía o labor que desenvolve a Policía Local “serve para entender o traballo que fan”, apunta Caballero.
Así, na Praza do Rei haberá un furgón e un coche patrulla e na lonxa do Concello estarán varias unidades policiais: a unidade de motoristas con diferentes motos; os drons que farán unha exhibición para ensinar o seu funcionamento; a Unidade de subsolo e protección ambiental, que realizará unha exhibición de material de costa e praia e de material da unidade ambiental de intervención rural; a unidade de seguridade cidadá (GOA) exhibirá o seu material; a unidade de atestados ensinará un vehículo e exhibirá diferente material e tamén achegará o seu labor a Unidade Sintra de inspección de transportes. Amais, poderá verse unha motocicleta e un coche antigo da Policía Local.
A xornada de portas abertas ofrecerá unha visita guiada a diferentes estancias da Xefatura da Policía Local: aula de formación, armería, galería de tiro, emisora, sala de control de tráfico, ximnasio (onde se fará demostración de reanimación cardiopulmonar e uso de desfibrilador externo semiautomático) e o Auditorio Municipal acollerá unha exposición oral do traballo policial coa proxección de vídeos e haberá unha exhibición de defensa persoal.
As persoas interesadas en sumarse a esta actividade, poden solicitar a asistencia no mail pleducacionvial@vigo.org.