Escoitar

O Concello ofrece actividades de conciliación nos museos durante o Nadal

O alcalde explicou que haberá actividades para nenos e nenas de entre 5 e 12 anos no Pazo de Castrelos os días 23 e 30 de decembro e 2 de xaneiro, así como na Pinacoteca os días 22, 24, 26, 29 e 31 de decembro e o 7 de xaneiro.

martes, 16 dec 2025

Abel Caballero destacou que se trata de “actividades de conciliación e campamentos de cultura durante as vacacións”. Son obradoiros e propostas didácticas con temáticas relacionadas coas exposicións en curso, pensadas para resultar educativas e entretidas ao mesmo tempo. Desenvolveranse en horario de 10:30 a 13:30 horas, cun máximo de 25 participantes por quenda. As persoas interesadas poden solicitar información e realizar as reservas a través do correo electrónico museoseduca@vigo.org

Amais, o 20 de decembro ás 17:00 horas terá lugar no Pazo de Castrelos unha actividade dirixida ás familias, na que os participantes deberán descubrir un misterio a través dun xogo de pistas.

A programación complétase con visitas guiadas ao Pazo de Castrelos, centradas na exposición “Os últimos marqueses. Historia do Pazo de Castrelos 1895-1934”, así como coa ambientación especial de Nadal do propio pazo, que conta cunha gran árbore decorada na zona da escaleira principal, evocando os anos nos que o edificio estaba habitado polos marqueses.

Finalmente, o alcalde subliñou que este programa súmase a outras iniciativas municipais de conciliación xa presentadas, como os campamentos de igualdade e os campamentos de Política Social no Verbum.

Descargar todas as imaxes