Caballero felicita a CCOO pola súa “extraordinaria” traxectoria
Abel Caballero destacou este mércores, na asemblea organizada para conmemorar o 50 aniversario das eleccións sindicais de 1975 da Unión Comarcal de Comisión Obreiras, a “extraordinaria” traxectoria sociopolítica e laboral do sindicato.
O alcalde, tras destacar a iniciativa de CCOO de celebrar en Vigo o medio século de traballo sindical desde as eleccións de 1975, remarcou o traballo en defensa das traballadoras e dos traballadores e “de facer a política que había que facer”.
O rexedor incidiu na “gran revolución” realizada pola organización sindical. “Transformouse e fixo un sindicato con visión sociopolítica e laboral” na etapa na que o obxectivo era o retorno da democracia e acabar coa ditadura franquista “que se atopaba na súa época final pero cunha enorme virulencia e capacidade de destrución”.
Caballero destacou as achegas de Manel Fernández, actual concelleiro de Deportes; de Eduardo Fernández e Margarita Rodríguez Montes e dos sindicalistas “que defenderon e traballaron tanto polos dereitos dos traballadores e as persoas que o necesitan”, á vez que apuntou que a conmemoración ten lugar nun escenario do aumento da extrema dereita en todo o mundo. “Nunca crin que fora a vivir isto e que puidese volver a extrema dereita con esta forza e que os conservadores españois abriran a porta aos pactos de goberno e a facer políticas de recesión“.
O rexedor chamou a “unir esforzos” para afrontar a expansión da dereita e defender a expansión das políticas progresistas que necesita a maioría social”.