O alcalde celebra a instalación de Down Vigo no centro da cidade
Abel Caballero asistiu á inauguración da nova sede de Down Vigo no Casco Vello: "Hoxe é un día grande para a inclusión, polas cousas que parecen imposibles e ao final se consiguen co traballo e a unión. Abrimos unha porta inmensa na rúa Real e unha forma de entender a sociedade", declarou. No acto participou tamén o delegado do Estado da Zona Franca, David Regades, que foi quen promoveu a cesión a Down Vigo deste edificio e a súa rehabilitación, que supuxo un investimento de 1,4 millóns de euros. Os tres andares do inmoble, que suman 1.100 metros cadrados, acollen un salón de actos para 60 persoas, así como unha biblioteca e unha cafetería para dar servizo ás máis de 200 familias asociadas. As autoridades percorreron o edificio da man dos membros de Down Vigo e as súas familias e valoraron as novas instalacións.