Escoitar

O Nadal de Vigo conquistará Xapón

Abel Caballero presentou hoxe a nova campaña de mupis que terán como lema “Nadal de Vigo, único no mundo”, e que este ano estarán presentes en España, Portugal, Italia, Francia, Estados Unidos e, como novidade, Xapón. Destacou que a campaña é gratuíta, “non nos custan nada”, e supoñerá a instalación de 820 mupis.

xoves, 30 out 2025

Caballero explicou “en España van colocarse 629 en 35 cidades” nas que destacan cifras como: Madrid con 100, Málaga 93, en Bilbao 37, en Sevilla 34, en Barcelona 21; en Zaragoza 20; na Coruña 18 e en Oviedo, Xixón, Valladolid, Valencia e Santander serán 10, en cada unha. Continuou sinalando que “en Portugal hai unha enorme cultura de Nadal e de súpeto estes anos descubriron o Nadal de Vigo, o que provoca un nivel importantísimo de afluencia de cidadáns portugueses, aos que queremos tanto”. Neste sentido, o país veciño albergará 142 mupis, entre os que destacan 90 en Porto e 15 en Braga.

Dúas grandes capitais europeas como París e Roma contarán con 15 e 10 mupis, respectivamente. Este ano o Nadal olívico volverá a estar presente en Nova York, na que se instalarán 10 cartaces, e sobre a que o rexedor destacou a relevancia que tivo na anterior edición, onde se fixeron virais os mupis situados na Quinta Avenida. “Esta vez o Nadal vai estar por primeira vez en Xapón, imos estar en Kawasaki con 14 mupis”, explicou o alcalde da cidade, especificando que o texto adaptarase ao nipón.

“O fenómeno do Nadal, en termos de atracción, non é un fenómeno local de Vigo, é un fenómeno dun radio de máis de 100 km”, expuxo o rexedor, explicando que “están moi contentos do Nadal de Vigo en Santiago, en Ourense, en Pontevedra, no Grove, en Sanxenxo e en tantos lugares porque lles enchemos os hoteis”. Caballero tamén desvelou que o Nadal pasado a cidade alcanzou 6.600.000 visitantes-día, pero “o máis importante é que nos gusta ás viguesas e aos vigueses, que nos entusiasma ver ás familias de Vigo pasear polo noso Nadal”. Rematou citando aos medios de comunicación para desvelar a data do acto de acendido de Nadal a vindeira semana.

 

 

 

Descargar todas as imaxes