Escoitar

O Concello amplía os horarios dos 8 cemiterios municipais por Todos os Santos

Os cemiterios municipais permanecerán abertos entre as 09,00 e as 18,30h os días 30 e 31 de outubro e o 1 e 2 de novembro para facilitar o acceso da cidadanía. Ademais, as persoas que visiten Pereiró, Lavadores e Teis poderán gozar de exposicións sobre a historia da cidade.

mércores, 29 out 2025

Con motivo da celebración de Todos os Santos amplíanse os horarios dos oito cemiterios municipais que estarán abertos ininterrompidamente desde as 9,00 ata as 18,30 h os días 30 e 31 de decembro e o 1 e 2 de novembro. Este horario estará dispoñible en Beade, Bembrive, Cabral, Candeán, Lavadores, Pereiró, Teis e Zamáns.

O Concello volverá exhibir exposicións en tres dos camposantos. No cemiterio de Pereiró instalaranse 4 cubos con imaxes que recrean unha viaxe cultural e histórica recuperando a presenza de figuras que marcaron o devir cultural de Vigo e Galici; personalidades destacadas en ámbitos tan variados como o cinema, as artes plásticas, as letras, a arquitectura ou a escultura.

As persoas que se acheguen ao cemiterio de Teis atoparanse con “Catro momentos na historia de Vigo”, 16 paneis distribuídos en 4 cubos cun panel para cada unha das personaxes relevantes na historia da cidade, un panel gráfico e outros dous dedicados a narrar o contexto e as particularidades de cada unha das épocas.

A exposición de Lavadores leva por título “Os cemiterios de Vigo e os seus barrios” e, a través de varios paneis con fotografías repasa a historia dos oito camposantos municipais e dos barrios nos que se asentan. A mostra inclúe unha pequena referencia aos cemiterios privados.

Transporte público

O Concello duplicará este ano as frecuencias das tres liñas nocturnas con motivo da noite de Samaín, co obxectivo de facilitar os desprazamentos e ofrecer unha alternativa segura e accesible a todas as persoas que participen nas celebracións do 31 de outubro.

A liña C1 pasará a ter unha frecuencia de 15 minutos, mentres que as liñas N1 e N4 operarán con frecuencias de 35 minutos. Ademais, o servizo prestarase con vehículos articulados, co fin de aumentar a capacidade e responder á elevada demanda prevista.

Durante a pasada edición, máis de 3.200 persoas empregaron o servizo nocturno especial, confirmando o éxito desta iniciativa que garante un retorno cómodo e seguro ás súas casas e contribúe a un lecer responsable na cidade.

Camposantos

Con motivo do Día de Todos os Santos que terá lugar o sábado 1 de novembro, reforzaranse todas as liñas que prestan servizo aos cemiterios ao longo da xornada, segundo a demanda dos viaxeiros.

Descargar todas as imaxes