Escoitar

Abel Caballero destaca a solidariedade da cidadanía de Vigo co pobo palestino

Abel Caballero trasladou hoxe ao embaixador de Palestina en España, no acto de inauguración das xornadas “Gaza entre o horror e a esperanza” organizadas polo Concello de Vigo e a ONG “Hoxe por ti”, a solidariedade da cidadanía viguesa co pobo gazatí e a transcendencia de manter a mobilización en apoio a Palestina. “Vigo é unha cidade solidaria e seguirao sendo”, afirmou.

martes, 28 out 2025

O alcalde agradeceu á ONG “Hoxe por Ti” e aos seus responsables, Dolores Galovart e Antonio Durán “Morris”, a organización das xornadas que afondan na reflexión sobre o conflito.

O embaixador de Palestina en España, Husni Abdel, expresou o seu agradecemento a España por recoñecer ao Estado Palestino, á vez que alertou de que o conflito non afecta unicamente ao pobo gazatí xa que asegura que “se está impoñendo unha doutrina internacional da que ninguén pode salvarse” a través da “normalización da idea de ocupación de países, como Ucraína, Palestina ou Canadá no caso das propostas de Trump”. Explicou que o denominado como “plan de paz” non é máis nada ca un “salvavidas” para Israel porque nos últimos anos estaba a ser illado internacionalmente. Husni Abdel apelou a “non baixar a garda” ante as tentacións “colonizadoras” por estar convencido de que as principais potencias contan con recursos para reverter o relato da ocupación e do xenocidio e facer prevalecer as teorías que negan o xenocidio, a fame negra e a violencia que padece Palestina. “O negacionismo virá pronto. A paz xógase en Palestina”, incidiu.

Dolores Galovart apelou á poesía como ferramenta para documentar a traxedia humana nunha franxa “arrasada e illada”. Destacou a transcendencia das xornadas organizadas co Concello para abordar a situación da cidadanía palestina.

Antonio Durán, “Morris”, destacou o salto dado pola ONG “Hoxe Por Ti” desde a axuda local ás persoas que o necesitan ao transcendencia universal do “horror de Gaza e do conflito palestino” e o apoio do Concello para realizar as xornadas que se prolongarán ata o día 31 de outubro.
 

Descargar todas as imaxes