Escoitar

Vigo mantense á cabeza das cidades no pago aos proveedores cun prazo de 5 días

O Concello de Vigo segue á cabeza das cidades galegas e españolas no prazo de pago aos provedores, situado en 5 días. “O dato é incontestable”, afirmou este luns o concelleiro de Orzamentos e Facenda, Jaime Aneiros, no Pleno ordinario de outubro, ao contrastar a situación da cidade coa das urbes gobernadas polo BNG e o PP: Santiago de Compostela, que alcanza os 91 días, e Ferrol, con 28 días.

luns, 27 out 2025

Durante o terceiro trimestre de 2025 o Concello de Vigo realizou 1.600 pagos por 40,5 millóns de euros, segundo destacou este luns o concelleiro de Orzamentos e Facenda durante o Pleno ordinario do mes de outubro ao explicar que a media mensual de pago de facturas ascende a máis de 12 millóns de euros e o prazo de abono é de 5 días.

Jaime Aneiros sinalou que o período de pago do Concello de Vigo aos seus provedores destaca na contorna das grandes cidades galegas, xa que no caso de Ourense o abono prodúcese en 71 días; en Santiago en 91 días; na Coruña en 50; en Pontevedra en 26 ou en Ferrol 28. “Mentres as tensións de liquidez das empresas de Vigo son menores, noutras cidades gobernadas polo BNG e polo PP son maiores”, afirmou o edil.

“Vigo sitúase á cabeza de todas as cidades”, recalcou Aneiros ao incidir en que o pago en 5 días a provedores demostra a “solvencia, liquidez, xestión e elevado nivel de execución do orzamento que beneficia ás empresas que contratan con este Concello”.

Execución orzamentaria

O edil de Orzamentos e Facenda detallou que, a día 30 de setembro de 2025, dos 334 millóns de euros comprometidos no orzamento, un total de 274, 9 están en fase de execución. Destes, máis de 154 millóns correspóndense con contratos dos servizos municipais; 24 millóns con subvencións e axudas públicas e 45 millóns con investimentos en execución.

Aneiros citou proxectos que están en marcha en toda a cidade, entre os que destacou a construción da nova bancada de gol ou a Avenida de Madrid, e a suma de 72 millóns de remanentes aos orzamentos de 2026 que contará con 120 millóns en investimentos. Lembrou que a elevada execución orzamentaria realízase coa limitación do teito de gasto imposto pola Lei Montoro, durante o goberno de Rajoy, e a negativa do PP no Congreso dos Deputados a aprobar a proposta do Goberno para incrementalo en 18 millóns de euros. 

 

Descargar todas as imaxes