Escoitar

A Corporación Municipal esixe por unanimidade que a Xunta faga públicas as contas de Turgalicia

O Pleno tamén deu luz verde á moción do grupo municipal socialista que insta á Deputación de Pontevedra a elevar o convenio anual co Concello de Vigo ata os 6,5 millóns de euros.

luns, 27 out 2025

Esta mañá no Pleno Ordinario correspondente ao mes de outubro, instouse á Xunta de Galicia a facer públicas as contas de Turgalicia dos últimos 15 anos, así como todos aqueles gastos que teñan que ver con publicidade en destino e ás aerolíneas que cubren os traxectos dende o Aeroporto de Santiago aos destinos. Como explicou Carlos López Font, “os gobernos do PP na Xunta sempre se negaron á colaboración para o desenvolvemento do Aeroporto de Vigo. Incluso Feijóo defendeu a tese de que Santiago debía ser o aeroporto central de Galicia, condenando a unha situación de marxinalidade aos da Coruña e Vigo, provocando unha forte contestación de toda a cidade en defensa do seu aeroporto”.

Font tamén explicou que “levamos anos denunciando que financiaban voos en Santiago e negaba o mesmo trato a Vigo, mentres o ente autonómico negábao pero ocultaba as contas de Turgalicia”. Ryanair anunciou que reducirían voos na capital de Galicia, “cando a Xunta deixou de subvencionalos” polo que “hoxe, máis ca nunca, é obrigatorio que a Xunta de Galicia faga públicas as contas de Turgalicia”. A moción do Grupo Socialista foi aprobada por unanimidade, ao votar favorablemente os tres grupos municipais.

Convenio coa Deputación de Pontevedra

A Corporación Municipal instou ao goberno da Deputación Provincial de Pontevedra a incluír nos seus Orzamentos para o ano 2026 a partida correspondente para fixar o Convenio anual co Concello de Vigo nun mínimo de 6,5 millóns de euros, así como a correspondente compensación polo ano 2025. Como explicou Jaime Aneiros, “o goberno provincial presume continuamente de incrementar as achegas aos concellos da provincia, mentres conxela a de Vigo”, destacando que a “achega de Vigo á Deputación pola súa poboación é de 85 millóns de euros”. A moción foi aprobada con 19 votos favorables de PSdeG e BNG e os 5 contrarios do Partido Popular.

Descargar todas as imaxes