National Geographic sitúa a Vigo como un dos mellores destinos do Nadal
Abel Caballero destacou esta mañá que “é unha referencia moi importante, é unha das grandes publicacións xeográficas do mundo e alí estamos”.
“Onte montamos a estrela da árbore de Nadal, xa está visible na Porta do Sol”, iniciou o rexedor, recordando a instalación deste elemento característico da celebración viguesa que, apuntou, "en termos de eco e de referencia no mundo, Vigo segue batendo récords”.
Esta vez o Nadal de Vigo aparece no National Geographic que, como destacou Caballero, é “unha referencia moi importante, é unha das grandes publicacións xeográficas do mundo e alí estamos”. Na súa sección de viaxes cunha ampla reportaxe “que sitúa a Vigo como un dos mellores destinos de Europa para viaxar no Nadal e empaparse do espírito festivo”.
Vigo comparte podio con grandes cidades europeas como Budapest, Praga, Bruxelas, Estrasburgo, Viena e Madrid, urbes que “son referencias e Vigo está aí”. O rexedor destacou o contraste coa cidade hai 15 anos, sinalando que “case non coñecía ninguén nin sabía onde estaba ninguén”. Aproveitou tamén para censurar que nunca chegasen felicitacións á cidade, polo éxito do Nadal, por parte dos presidentes da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo e Alfonso Rueda, preguntándose se “alguén os escoitou algunha vez?” falar do Nadal da cidade.