Escoitar

O alcalde reclama á Deputación que incremente a dotación orzamentaria a Vigo en 1,5 millóns

O alcalde reclamou hoxe á Deputación que aumente en 1,5 millóns de euros a dotación económica ao convenio co Concello de Vigo no orzamento provincial de 2026, e pasar dos 5 millóns actuais a 6,5 millóns. “Os orzamentos tiñan que aumentar a asignación a Vigo e así llo demandei xa o ano pasado”, recalcou.

mércores, 29 out 2025

Abel Caballero recordou hoxe que os orzamentos da Deputación para o próximo ano, que mantén unha partida con 5 millóns de euros para Vigo, asináronse hai 10 anos, durante o mandato da primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, á fronte da institución provincial. “Convén revisar os orzamentos cada certo tempo, propúxeno en 2024 porque cumpriamos 10 anos da novidade tan importante que estableceu Carmela Silva e a resposta foi que non”, apuntou.

As contas provinciais para 2026 “en termos de capacidade adquisitiva son menores que hai 10 anos porque a asignación para Vigo permanece estancada en 5 millóns e hai inflación e incremento do custo da vida”, explicou o rexedor.

O alcalde recalcou que a asignación á cidade contrasta co anuncio dos responsables da Deputación Provincial “presumindo” de contar no ano 2026 cos orzamentos máis importantes da historia, e censurou que esta situación de incremento das contas non se traslade á cidade. “Para Vigo non, porque seguen sendo 5 millóns e, por tanto, menos que o ano pasado. Teñen que aumentar o orzamento”, afirmou.

Caballero apuntou que o novo orzamento do ente provincial en Vigo contabiliza gastos “que foron regalarlle diñeiro a unha institución privada. Iso non se contabiliza como un investimento; é un gasto. É un agasallo á Xunta para comprar un edificio. Déronlle máis diñeiro á Xunta que a Vigo e teñen que explicalo”, indicou.

 

Descargar todas as imaxes