O alcalde demanda á Xunta e á Deputación 3 millóns para as obras de Balaídos cara ao Mundial 2030
Abel Caballero instou hoxe á Xunta e á Deputación a habilitar nos seus orzamentos de 2026 senllas partidas de 1,5 millóns de euros para financiar un terzo da obra de ampliación de Balaídos para o Mundial do ano 2030. Explicou que nestes momentos está en marcha o cambio do colector, que require un investimento de preto de 5 millóns. “Quero ver nos orzamentos da Xunta e da Deputación unha partida de 1,5 millóns para pagar a obra que xa estamos a facer”, afirmou.
O alcalde afirma que Xunta e Deputación "non queren pagar o mundial de Vigo. Non queren que teñamos mundial" e reclama ao ente provincial e ao goberno autonómico que "habiliten xa nos orzamentos unha partida de 1,5 millóns para a obra que estamos a facer e que se vai executar a principios de 2026", unha petición que plasmará nunha carta dirixida ás dúas administracións.
O rexedor censurou este xoves aos responsables da Deputación de Pontevedra polos seus investimentos programados en 2026 para Vigo. Afirmou que a cidade achega 85 millóns de euros ao ente provincial, por poboación, fronte aos 5 que invisten.
Caballero, tras explicar que a débeda do ente provincial ascende a 3 millóns de euros pola falta de actualización do convenio durante os dous últimos anos, reitera a súa reclamación de aumentalo en 1,5 millóns para que pase de 5 a 6,5 millóns de euros. “Pídolles un aumento exiguo, só da inflación, non lles pido que dedique máis diñeiro. A Vigo dedícalle menos diñeiro en termos de capacidade de compra”, afirmou.